Este sábado, ás 19:00 horas,
a Casa da Cultura de Salvaterra de
Miño acolle a presentación de dous libros de teatro da profesora e dramaturga Raquel Castro Martínez. Con estes dous novos títulos A Carapuchiña pasa da carapucha vermella
e A Princesa e o labrego, xa son 97 os títulos que Edicións Fervenza
ten na súa colección de teatro.
Representación
teatral
Durante o acto de presentación
das pezas teatrais, contaremos coa presencia da concelleira de cultura de
Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel;
a ilustradora dos libros, Iria Vaqueiro
e a autora dos libros, Raquel Castro. Contaremos coa representación
teatral da obra Planeta Bugallo,
dirixida por Cristina Alonso e interpretada
polo grupo de teatro de nenos e nenas Ata
Sempre.
Colaboración
A
Carapuchiña pasa da carapucha vermella
e A Princesa e o labrego están
editados por Edicións Fervenza e para a súa publicación, contouse coa
colaboración do Concello de Salvaterra de
Miño, a secretaría xeral de Política
Lingüística da Xunta de Galicia e a empresa de construción Bamarti.
As dúas obras teatrais están
ilustradas por Iria Vaqueiro.
Raquel
Castro
Raquel Castro Martínez (Alxén,
Salvaterra de Miño). Licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa e Filoloxía
Hispánica, traballa como profesora de Lingua galega e literatura no Ensino
Secundario. A súa gran afección é a
dramaturxia e dirixe o grupo de teatro amador “Ata Sempre” de Alxén dende o ano
1999. Dende aquela, escribe obras de teatro tanto para o grupo de adultos coma
para o de nenos e nenas. Ademais, imparte talleres de teatro nos institutos
onde traballa, para o alumnado de secundaria.
Con Edicións Fervenza, publicou
no ano 2015, dentro da colección de teatro A Pinguela, as obras A vendedora de palabras e A meiga e o emperador. No 2016, da man
de Editorial Galaxia, publica As terapias
da doutora Ledicia, obra coa que gañou o premio de honra no “Premio
Estornela” que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas.
Tamén na súa faceta literaria
está o relato, claro exemplo son os títulos Pensamentos,
gañador do Premio Francisco Fernández del Riego e Un café só, obra que se fixo co concurso “Igualando a lingua” do
concello de Cee. Departamento de comunicación