El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

EN 2016

Galicia suma 520 novos gandeiros con axudas de Medio Rural

26-05-2017 18:03:22

Un total de 520 mozos incorporáronse á actividade gandeira en Galicia na convocatoria de axudas de Medio Rural correspondente a 2016. Por provincias, a maior parte deles corresponde á de Lugo (con 247 expedientes aprobados), seguida de A Coruña (139 expedientes), Ourense (68) e Pontevedra (66). Estes datos superan os rexistrados nos últimos cinco anos, segundo explicou esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

A maior parte destes mozos incorporáronse a explotacións de vacas de leite. Outras orientacións produtivas que tamén teñen importancia son as de vacún de carne, aves de carne, abellas e porcos de ceba. Xa en menor medida estarían as ovellas, coellos, polos de curral ou mesmo os caracois.

En canto á capacitación profesional deste colectivo, a directora xeral explicou que un total de 82 mozos contan xa coa de capataz agrícola, FP1 ou formación superior, polo que non é preciso que superen a formación complementaria que se esixe para acceder a estas axudas. O resto realizou un curso de 250 horas para formarse debidamente ou asumiu o compromiso de realizalo, para o que a Consellería do Medio Rural lles facilitará a correspondente formación, en formato presencial ou telemática.


Couza da pataca e do buxo

A directora xeral sinalou que Medio Rural está a actuar con total transparencia en relación coa praga da couza guatemalteca da pataca. Defendeu que a Xunta actuou de maneira efectiva e coordinada tanto co sector como coas demais administracións competentes (o Goberno central, Asturias, concellos, Indicación Xeográfica Protexida, organizacións agrarias e os propios veciños). Medio Rural leva xa recollidas máis de 180 toneladas de pataca nos 31 concellos da Coruña e Lugo afectados por esta doenza. Esta e outras medidas de control fixeron posible que a praga estea neste intre controlada na Coruña e evolucione favorablemente en Lugo, polo que cómpre manter o esforzo e continuar coa destrución de patacas para conseguir a súa completa erradicación, tal e como establece a lei.

Por outra parte, Belén do Campo explicou tamén as medidas adoptadas pola Consellería para facer fronte á couza chinesa do buxo. Este insecto detectouse en primeiro lugar en Galicia na zona de Tomiño por técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Entre as actuacións levadas a cabo pola Xunta figuran a divulgación dos correspondentes avisos fitosanitarios e o seguimento da doenza, para determinar o momento e as substancias máis acaídas para facerlle fronte, tanto a través da loita biolóxica como con insecticidas.


Avespiña do castiñeiro

Pola súa banda, o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, indicou que este ano realizouse a solta duns 133.000 individuos do parasito da avespiña do castiñeiro e agárdase poder incrementar o vindeiro ano o número de soltas, contando coas necesarias autorizacións ambientais do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente. Con estas medidas refórzase a loita biolóxica contra este insecto.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias