A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo esta mañá unha xuntanza coa presidenta da Asociación Mirabal, Ana Saavedra. O obxectivo do encontro foi abordar a evolución programa Mimosa 2016/2017 de apoio a mulleres vítimas de violencia de xénero, unha iniciativa promovida por esta entidade e que conta coa colaboración financeira do goberno autonómico.
En concreto, a Asociación Mirabal ten recibido unha axuda de máis de 16.000 euros ao abeiro da orde de subvencións para entidades de iniciativa social que desenvolven programas de atención de mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
O programa Mimosa 2016/2017 ten como obxectivo prestar atención integral e acompañamento a mulleres vítimas de violencia de xénero. Ao longo da súa vixencia, desenvolverá actividades nos concellos da Coruña, Oleiros, Sada, Bergondo, Betanzos, Miño, Coirós, Curtis, Oza-Cesuras, Pontedeume, Irixoa, Cambre, Culleredo, Arteixo, e Abegondo.
As actividades que comprende o programa pasan pola atención integral e acompañamento (atención psicolóxica, información xurídica, tramitación de expedientes, atención a menores, seguimento, subministro de produtos de primeira necesidade..); polo desenvolvemento de obradoiros e talleres de terapia e reforzo que permitan ás vítimas e aos menores superar as graves secuelas desta lacra; polo servizo de asesoramento, tanto nas instalacións situadas en Betanzos como a través da liña telefónica; e, xa por último, pola posta en marcha de accións de divulgación, difusión e concienciación.