O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o acordo que permitirá a integración de preto do 10% das liñas de transporte escolar de Galicia no transporte regular de pasaxeiros co obxectivo de reforzar a oferta de mobilidade do rural e mellorar o servizo aos estudantes, ao garantir un acompañante escolar en todas as rutas. Esta medida permite a optimización do servizo público de transporte no marco da implantación da primeira fase da planificación do transporte público de Galicia. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta resolución publicada hoxe: goo.gl/8pCgwJ
A semana pasada o Consello da Xunta aprobou o acordo de racionalización e integración dos servizos de transporte público contratados polo Goberno galego, o que permitirá unha racionalización da oferta dos servizos, incrementando a cobertura territorial e introducindo melloras no seu funcionamento grazas a unha xestión máis eficiente.
Esta decisión fará posible, de acordo co establecido na Lei 2/2017, empregar nos casos nos que sexa posible e oportuno, as prazas vacantes do transporte escolar para o transporte regular de pasaxeiros, aumentando así as posibilidades de mobilidade dos habitantes do rural e estendendo a figura do acompañante a todas as liñas nas que se opte por esa convivencia.
A integración das rutas escolares no transporte regular será, nun primeiro momento, parcial, e afectará entorno ao 10% das liñas de estudantes. Nas zonas nas que se optará pola integración de ambos os dous sistemas, esta decisión permitirá reforzar o acceso ao transporte público da poboación, duplicando o número de paradas de autobús. Ademais, en todas as liñas de transporte escolar integradas estará garantida o monitor acompañante, o que permitirá aumentar a presenza deste responsable en ata un 10%, en función das zonas.
O acordo garante que a prioridade nesa integración será o correcto funcionamento do transporte dos escolares, quedando blindada a atención das necesidades do alumnado en canto a horarios e as paradas, así como asegurando a figura do acompañante escolar en todas as liñas.
Antes da aprobación deste acordo, as Consellerías de Infraestruturas e Vivenda e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deron conta do contido do mesmo aos principais colectivos de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (Anpas) de Galicia, que mostraron a súa conformidade, coincidindo en que se trata dunha oportunidade para mellorar a oferta de servizos de transporte no rural que favorece, ademais, a convivencia interxeracional.
Este acordo representa un paso decisivo para a posta en marcha, o próximo mes de agosto, da primeira fase do Plan de transporte público de Galicia, coa que se pretende garantir a continuidade dos servizos unha vez que finalice a vixencia dos contratos de concesión. E, ao mesmo tempo, anticipar solucións para a reordenación plena do sistema, apostando polo aproveitamento de sinerxías, pola racionalización da oferta e pola coordinación de servizos.
As novas medidas que se porán en marcha a curto prazo en diferentes zonas da comunidade serán avaliadas de forma permanente de cara á reordenación global do sistema de transporte público en Galicia, que culminará coa aprobación definitiva do Plan, en decembro de 2019.
O Parlamento de Galicia aprobou o pasado ano a Lei 10/2016 de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia, establecendo as actuacións que debe seguir a Administración para adaptar o sistema ás necesidades da sociedade en materia de mobilidade, a través da elaboración dun Plan de transporte público de Galicia.
De acordo con esa Lei, e tendo en conta que unha parte importante das actuais concesións de transporte público regular perderán a súa vixencia o vindeiro mes de agosto, a Xunta de Galicia centra a primeira fase de reordenación do sistema nas zonas afectadas pola caducidade inminente das concesións.
Dese xeito, deseñou unha nova rede de transporte público que procura a máxima cobertura territorial, garantindo a atención prioritaria dos colectivos de menores, e mesmo mellorando os niveis de calidade e prestación de servizo prexistentes.
Nos vindeiros días, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda prevé someter a información pública ese novo mapa de transportes, formado por proxectos de explotación das liñas de autobús agrupadas en contratos zonais e integrando os distintos sistemas existentes.
Esa integración de distintos sistemas de transporte realizarase nos casos nos que se cumpran os obxectivos de ampliar a cobertura territorial, facilitar a viabilidade económica e ambiental dos contratos, a mellora da mobilidade da poboación afectada e a plena garantía da atención prioritaria dos colectivos afectados, neste caso, os usuarios do transporte escolar.