A Coruña.- Durante a súa intervención na xornada promovida e desenvolvida o pasado venres 12 por Sogama en A Coruña baixo o título “A xestión sostible dos residuos na economía circular”, o seu Director Xeral, Isidro García Téllez, referiuse á ampliación do complexo medioambiental de Cerceda como unha garantía de futuro para Galicia, xa que permitirá tratar en condicións óptimas todos os residuos urbanos producidos na comunidade.
Así mesmo, o directivo da compañía quixo deixar constancia do legado que Sogama deixou xa en Galicia ao facilitar, coa súa actividade, a erradicación de máis de 300 vertedoiros municipais e máis de 3.000 puntos de vertido ilegal que asolaban o territorio galego na década dos anos 90.
O seu modelo, global, integral e solidario, avalado desde o primeiro momento pola Comisión Europea a través da concesión de máis de 72 millóns de euros procedentes do Fondo de Cohesión, é hoxe recoñecido mundialmente.
A súa infraestrutura industrial, conformada por un complexo medioambiental, sito na localidade coruñesa de Cerceda, e unha rede de plantas de transferencia distribuídas estratéxicamente polo conxunto da xeografía para dar resposta á gran dispersión da poboación e garantir a prestación dun servizo de calidade para todos os concellos usuarios do seu sistema (294 e máis de 2.260.000 habitantes), constitúe hoxe o espello no que xa se miran moitos países que aínda non resolveron a súa problemática de residuos.
Nin que dicir ten que o transporte combinado de residuos (por ferrocarril e estrada) representa outro dos distintivos da entidade, consciente de que a promoción do tren, medio utilizado para o traslado do 45% dos refugallos, con perspectiva a chegar ao 55% en 2018, contribuirá a diminuír as emisións de CO2 e a minimizar as molestias cidadás.
A elección da tecnoloxía de valorización enerxética (de leito fluído circulante), tampouco foi casual. “No seu momento seleccionouse a máis innovadora, que demostrou ser tamén a máis eficiente, dando lugar a baixas emisións que se sitúan en todos os casos moi por baixo dos límites legais”, apostilou García Téllez. Temperaturas superiores a 850ºC e efectivas técnicas de depuración de gases tales como cal apagado, carbón activo e filtros de mangas, así o permiten.
Cara á economía circular
A boa xestión industrial dos últimos anos levou a que, en 2015, a empresa alcanzase máximos históricos de eficiencia. Isto, unido tamén a unha mellor xestión económica que se traduciu na recuperación do equilibrio financeiro, cunha débeda por parte dos concellos cualificada como a máis baixa de toda a historia, posibilitou que a entidade acometese en 2016 o seu proceso de ampliación para dar resposta aos retos da economía circular.
Desta forma, incrementará nun 81% a capacidade do seu complexo industrial, que pasará de 550.000 toneladas anuais a 1 millón, podendo dar cobertura a toda Galicia. Ademais, con esta mellora cuadriplicarase a achega da entidade ao reciclado, con 120.000 toneladas anuais, e minimizarase o uso do vertedoiro, pretendendo chegar ao vertido técnico. A todo isto destinarase un investimento de 29 millóns de euros procedentes de fondos propios.
De forma paralela, a Sociedade porá en marcha unha planta de compostaxe industrial para 15.000 toneladas da que se extraerán cada ano entre 3.000 e 4.000 toneladas de compost de boa calidade.
Estas accións permitirán a Sogama chegar a xaneiro de 2019 nunhas condicións extraordinarias que a situarán no pódium, europeo e mundial, das plantas da súa categoría, dada a súa elevada capacidade de xestión e nivel de eficiencia. Departamento de comunicación