Vigo.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe en Vigo que Galicia centra os seus esforzos na busca de argumentos de defensa da súa pesca ante retos como o Brexit e a prohibición dos descartes. En relación a este último reto, anunciou que a comunidade galega será a primeira rexión en contar cun estudo que analiza o impacto económico das especies de estrangulamento sobre as posibilidades de pesca da súa frota. Foi no marco do almorzo informativo Fórum Europa-Tribuna Galicia.
Alí a titular de Mar explicou que a Xunta encargou o estudo ao grupo de investigación en economía pesqueira da Universidade de Santiago e que a través del tamén avaliará o custo da obriga de desembarque de todas as capturas, é dicir, da prohibición dos descartes. Unha estimación, subliñou, “que queremos ter para levar na man a Bruxelas á hora de negociar os Totais Admisibles de Capturas (TACs) e cotas para vindeiros anos”.
Neste sentido, lembrou que a prohibición dos descartes choca frontalmente co “ineficaz modelo de reparto e xestión de cotas de pesca instaurado”, que non se axusta ás capturas reais. De aí, explicou, Rosa Quintana, a problemática das denominadas especies de estrangulamento -aquelas secundarias que aparecen entre as capturas dos buques e das que non se dispón de cota ou esta é escasa-, que provoca “abortar a posibilidade de pesca xa nas primeiras semanas ou meses do ano”, dixo. Esta situación, advertiu, “é común a moitos Estados membros e pode ter un grande impacto económico nas nosas frotas e actividades derivadas da pesca”, un aspecto que analizará o informe encargado ao Grupo de Investigación en Economía Pesqueira da Universidade de Santiago.
Este é o mesmo departamento que no ano 2011 realizou un informe para analizar o impacto socioeconómico da redución da cota do lirio en Galicia, unha análise que foi decisiva á hora de conseguir o incremento da cota desta especie no ano 2012.
Brexit
En relación ao Brexit, a conselleira do Mar lembrou que Galicia encargou un informe ao Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga para avaliar as súas consecuencias para a pesca galega e que tamén foi a primeira rexión en realizar este traballo. Neste sentido, sinalou que, ante este reto, a posición da estrutura marítimo-pesqueira de Galicia debe ir nunha dobre vertente.
Por unha banda, a interior baseada na compilación de estudos e análises, “que xa se fixeron ou que se están a elaborar” e na busca de argumentación para a defensa das propostas de Galicia e da súa toma en consideración por parte dos negociadores españois e europeos. Así, ademais do informe do Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, a Xunta encargou outro á profesora de Economía Aplicada e experta en Economía Pesqueira da Universidade de Santiago, María do Carme García Negro, para analizar aspectos do eido económico.
Por outra banda, a conselleira fixo referencia a unha vertente exterior, “centrada na coordinación coherente dos nosos intereses pesqueiros galegos co Goberno de España e na achega da súa importancia á Comisión Europea, ao Parlamento Europeo e á Representación Permanente de España ante a UE”.
Nesta mesma vía, a titular de Mar, subliñou o valor “da forza que nos dá a igualdade de intereses con moitas das rexións do Arco Atlántico e outras entidades de recoñecemento público como o Comité das Rexións”. Tamén é clave, engadiu, “levar a nivel europeo a aposta por traballar en común co sector”. De aí, explicou, “que queiramos afianzar o contacto coas entidades pesqueiras representativas a nivel continental neste proceso, como a European Fisheries Alliance.
Outro reto ao que se referiu Rosa Quintana foi o da estratexia de Crecemento Azul ou Blue Growth, iniciativa da Unión Europea para o apoio ao crecemento sustentable de emprego e de riqueza vinculada ao mar. Neste eido, a conselleira lembrou os resultados que se desprenden do Plan Blue Growth Porto de Vigo 2016 – 2020, que arrancou en abril de 2016. Esta iniciativa xestionou no primeiro ano de vixencia máis de 45 millóns de euros do orzamento total, que supera os 200 millóns de euros e viu como os 39 proxectos iniciais se transformaban en 48, “o que demostrou o espírito aberto da iniciativa”. Destes proxectos, sinalou, a metade están activos.
Marisqueo, mitilicultura e transformación
En relación ao eido marisqueiro, Rosa Quintana explicou que a folla de ruta da Xunta contempla “a expansión dos labores de cultivo e semicultivo en base á xeración de semente de bivalvos e a mellora das calidades das augas onde se desenvolve o labor de extracción”. Sinalou tamén que é prioritario continuar coa recuperación das zonas improdutivas.
No ámbito da mitilicultura, a titular de Mar explicou que o obxectivo do goberno galego é seguir potenciando o cultivo de mexillón mediante o reforzo da súa trazabilidade e a mellora das estruturas das bateas. En canto ao sector da transformación, a conselleira lembrou que se redefinirá e apoiará á industria conserveira galega “cun Plan da Conserva que verá a luz en breve e que marcará o rumbo deste sector produtivo neste cuadrienio”. Neste eido agradeceu o labor e a colaboración de Anfaco.