A Consellería de Infraestruturas e Vivenda volverá convocar os representantes dos traballadores para dar resposta ás súas preocupacións sobre o proceso.
A conselleira Ethel Vázquez sinala que os contratos previstos están deseñados para que accedan a eles as pequenas e medianas compañías que forman o tecido empresarial galego e asegurar así a continuidade dos postos de traballo. Subliña que a Xunta cumprirá escrupulosamente en materia de subrogación de traballadores no momento en que se liciten os contratos.
Destaca que a obriga de incorporar un acompañante a todas as rutas que integren o transporte escolar e o regular eleva a seguridade por riba dos estándares legais e aumentará os postos de traballo no sector. Os servizos terán un custo igual ou inferior ao actual, cunha tarifa zonal de 1,40 euros e un importe por quilómetro regulado.
Cómpre lembrar que a Xunta comezou onte o proceso de información pública de 42 novos contratos de explotación do transporte na comunidade, que están colgados na páxina web para que nos vindeiros 10 días calquera persoa poida presentar as achegas que consideren oportunas e as empresas de transporte poidan mostrar o seu interese por ser as prestatarias do servizo. No seguinte enlace pódese ampliar a información: http://civ.xunta.gal/tema/c/CIV_Transporte_de_viaxeiros
O obxectivo fundamental do plan é que o transporte chegue ata onde non chegaba, aproveitando as sinerxias para mellorar servizos e coordinar horarios entre autobuses e coas necesidades veciñais e ter unha especial consideración cos veciños do rural.