A Xunta está a traballar coa máxima intensidade para que os cidadáns teñan garantida a súa mobilidade no novo Plan de Transporte de Galicia, unha oportunidade que se aproveitará para ampliala e mellorala, aproveitando o transporte escolar no rural, que fará que 1,7 millóns de persoas teñan unha parada a menos de 500 metros da súa casa, cun aumento dos servizos de 11 millóns de quilómetros a 16 millóns ao ano. O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, explicou isto durante a súa intervención na Comisión 2ª do Parlamento.
Ignacio Maestro destacou que o novo Plan supón a implicación e o traballo do Goberno galego para que, a partir de agosto, os usuarios conten con servizos mellorados, con máis vantaxes e oportunidades para cubrir os seus desprazamentos cotiás. Trátase de dar solucións aos veciños e, desde a Xunta, estase a aproveitar esta oportunidade para que dispoñan dun transporte público competitivo e útil.
O responsable de Mobilidade da Consellería remarcou que se traballa desde a planificación e o rigor técnico, reordenando por completo un servizo público no que tamén se implantarán novas prestacións como o transporte baixo demanda, que aumentará servizos e mellorará a calidade de vida dos galegos.
Desde a Xunta, planificáronse os traballos necesarios establecendo dúas fases para o seu desenvolvemento, a primeira, en agosto de 2017, para asegurar e mellorar o transporte público alí onde se rexistraron renuncias de empresas; e unha segunda fase, en decembro de 2019, que servirá para avaliar e analizar os servizos implantados nesta primeira fase. En función dos resultados acadados e tras un novo proceso participativo, deseñaranse os novos servizos a implantar a partir desa data en toda Galicia.
Maestro Saavedra remarcou que na Xunta desenvólvese unha planificación e definiuse unha folla de ruta clara para avanzar neste obxectivo. Así, ao longo do último ano traballouse coa máxima intensidade na elaboración e desenvolvemento do novo mapa de transportes, para que os servizos estean operativos á finalización dos contratos actuais en agosto de 2017 e investiranse 2,5 millóns de euros na reformulación completa do mapa de servizos, con horizonte 2019.
O Plan de Transporte de Galicia blinda tamén a atención ás necesidades do alumnado en canto a horarios e paradas e cun acompañante escolar garantido en todas as liñas. A integración do autobús escolar supón ademais unha oportunidade para mellorar a mobilidade, principalmente no rural, pero tamén para fomentar o intercambio xeracional e o intercambio veciñal.