O Pino.- O presidente do PPdeG, Núñez Feijóo, afirmou hoxe que, fronte aos que din “non a todo” o PPdeG
“di si a Galicia, si a mellorar Galicia e si a modernizar Galicia”.
Durante a súa participación na Romaría do PP da provincia da Coruña
celebrada este sábado no concello do Pino, Feijóo valorou ao PPdeG como o
partido máis próximo ao sentir dos galegos. Así, no ecuador dos mandatos
municipais, e aos mandos dun partido que ten a vista posta en ofrecer a súa
mellor versión nas vindeiras eleccións locais, Feijóo aseverou que os populares
teñen tanto o mellor proxecto como o mellor equipo de cara ao futuro.
O mandatario advertiu que o reto é importante, e non será doado, aínda
que lembrou que os populares xa lograron un fito histórico nas pasadas
eleccións autonómicas, ao acadar unha maioría absoluta única en toda España.
A parálise das Mareas
Feijóo recalcou
ademais que, malia que parece que tomaron posesión onte, os alcaldes das
cidades da provincia da Coruña van camiño de gastar a metade do seu mandato. Así,
afeoulles que teñan sensibilidade con quen incumpre a Lei pero desprezo cara a quen
a defende, e ambigüidade calculada con quen altera a convivencia pero menospreza
a quen quere vivir nun clima de respecto e educación.
Un PSOE ausente
O líder do PP
galego tamén se referiu á complicada situación interna que viven os socialistas
nos últimos tempos, e dixo non saber o que pasará en España co PSOE despois das
primarias nas que resultou novamente elixido secretario xeral Pedro Sánchez.
Ademais laiouse
de que o PSOE en Galicia hai xa dous anos que non existe e, segundo dixo, os
seus restos nada máis que son os restos que ás Mareas de Podemos lles faltaban
para estar nos gobernos.
Encarar o reto con ilusión
Despois de
repasar a situación dos principais partidos da oposición ante máis de 3.500
afiliados e simpatizantes da provincia da Coruña, o presidente instou a cada
unha das agrupacións locais representadas a conformar proxectos sensatos e que
ilusionen aos veciños dos seus concellos.
Por último
recomendoulles traballar duro e facer valer a súa valiosa experiencia para
encarar o reto das vindeiras eleccións municipais ofrecendo a mellor das
versións posibles do PPdeG. Departamento de comunicación