O Servizo Galego de Saúde continúa neste 2017 coa implantación da sinatura electrónica de contratos a profesionais en todas as áreas sanitarias. Esta actuación está enmarcada na continua aposta do Sergas por incorporar as novas tecnoloxías na mellora da xestión sanitaria. A dixitalización deste servizo favorece a progresiva eliminación do papel ao tempo que permite aos traballadores acceso permanente aos seus contratos e evítalles desprazamentos para realizar estes trámites.
Actualmente xa se realizan contratos deste tipo nas estruturas de xestión integrada (EOXI) de Santiago, Vigo, e Coruña. Está previsto que durante este segundo semestre de 2017, a sinatura dixital se amplíe ás EOXI de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra. O Sergas conta cunha plataforma de xestión que integra as ferramentas necesarias para permitir a xeración de contratos dixitais aos departamentos de recursos humanos. Os profesionais, dende o seu fogar ou lugar de traballo, poden acceder ao portal do expediente profesional electrónico do Sergas (FIDES), e con certificado dixital realizan a sinatura do seu contrato, que posteriormente será tamén completado coas procedentes sinaturas do director de Recursos Humanos e do Xerente da EOXI correspondente.
O documento queda así mesmo incorporado ao historial electrónico do profesional en FIDES, a plataforma do expediente profesional electrónico coa que os traballadores do Servizo Galego de Saúde, independentemente da súa categoría profesional, centro de traballo ou tipo de vinculación laboral, poden consultar en tempo real a información persoal e económica a través de Internet.
O sistema é accesible dende calquera punto da organización ou da web e a calquera hora, e contribúe ao propósito de ir eliminando gradualmente o traballo manual e reducindo o documento en soporte papel. O sistema avisa mediante correo electrónico ou SMS da dispoñibilidade do novo contrato para a súa firma.
Esta actuación está enmarcada na mellora da comunicación entre a administración e os profesionais sanitarios, que o Sergas realiza fundamentalmente a través do FIDES. Trátase dunha plataforma informática que permite acceder a datos económicos (recibos de nóminas, anticipos e retencións, ou fichas de haberes), expedientes profesionais, quendas de traballo, ausencias laborais ao longo de toda a súa vinculación contractual co Servizo Galego de Saúde, a realización de solicitudes de permisos ou diversos certificados (servizos prestados, certificados de empresa e maternais entre outros), así como a outro tipo informes. Ademais, o sistema ofrece outra información de interese e un sistema de mensaxería personalizada de detección de cambio de estado de solicitudes.
Así mesmo, xestionan todo o relativo ao seu currículo profesional co expediente-e, que permite facer un seguimento dos procesos selectivos, listas de agarda, ou actualización de méritos, entre outros.