El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

NO RECINTO DO COMPLEXO INDUSTRIAL

Sogama revexetará con especies autóctonas 4,11 hectáreas de solo

05-06-2017 15:27:57
Javier Domínguez Lino, presidente de Sogama.

Cerceda.- No seu firme compromiso coa protección da contorna natural e o benestar da poboación, a Sociedade Galega do Medio Ambiente decidiu reforzar as accións enmarcadas no seu plan de sostibilidade coa revexetación, no propio recinto do complexo industrial de Cerceda (A Coruña), de 4,11 hectáreas de solo, procedendo á plantación de 1,25 hectáreas de frondosas e 2,86 hectáreas de coníferas.  

Respecto ás primeiras, combinaranse dúas especies -Betula alba (Abedul) e Quercus robus (Carballo)- que se utilizarán na cubrición de zonas de menor profundidade de solo, maior pedregosidade e menor fertilidade, mentres que nas áreas de maior fertilidade, a plantación  levarase a cabo mediante unha mestura de Quercus robur, Quercus rubra (Carballo americano), Fagus sylvatica (Faia), Fraginus excelsior (Freixo) e Prunus avium (Cereixo bravo). Todas as especies desta categoría terán procedencia galega e provirán dun viveiro autorizado. 

En relación ás coníferas, a especie elixida será o Pinus  pinaster (piñeiro do país ou piñeiro marítimo), toda vez que presenta maior capacidade de absorción de CO2 (0,69 tn C02/pé aos 30 anos), garantindo a súa procedencia de Galicia Costa. 

A  elección destas especies autóctonas débese a que teñen unha maior representación na zona e atópanse adaptadas ás condicións ecolóxicas do lugar de plantación, circunstancia que permite incrementar a instauración dunha masa vexetal estable que se perpetúe no tempo. 


Beneficios

Con esta actuación, darase maior estabilidade ao solo, protexéndoo fronte á erosión, á vez que actuará como sumidoiro de CO2 e barreira vexetal que contribuirá á mellora paisaxística e á diminución dos ruídos asociados á actividade industrial do complexo, formando unha pantalla vexetal coa que se conseguirá illar dita infraestrutura e contribuír ao benestar da poboación limítrofe. 

Desta forma, Sogama pretende dar un paso máis na mellora da súa operativa industrial, que pretende enmarcar nunha contorna natural única que permita compensar a incidencia que sobre o mesmo pode ter a súa actividade, optimizar as condicións de traballo do seu persoal e, por suposto, as condicións de vida da veciñanza de Cerceda. 

Este programa de revexetación levarase a cabo de forma paralela ao proceso de ampliación industrial do complexo, que contempla a posta en marcha dunha nova planta de clasificación de envases e a remodelación da actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible. 

Con isto incrementarase a capacidade do complexo nun 81%, pasando das 550.000 toneladas/ano actuais a 1 millón, circunstancia que permitirá á compañía, se fose o caso, tratar en condicións óptimas todos os residuos urbanos producidos en Galicia.  Así mesmo, posibilitará unha maior achega da  ao reciclado, multiplicando por catro as súas cifras actuais, á vez que minimizará o uso do vertedoiro, sendo a súa aspiración chegar ao vertido técnico cero, paradigma da economía circular. 

Un plan integral que combina desenvolvemento tecnolóxico, innovación e novos procesos industriais cun maior reforzo da protección da natureza e a habilitación de espazos verdes na procura dun equilibrio entre crecemento e saúde, entre progreso e calidade de vida. En definitiva, na procura do verdadeiro desenvolvemento sostible. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias