El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Galicia recibirá máis de 800.000 euros en axudas para a promoción do viño en mercados de terceiros países

05-06-2017 19:53:17

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou hoxe tras o Consello Consultivo e a Conferencia Sectorial extraordinaria de Agricultura que Galicia recibirá 835.000 euros en axudas para a promoción do viño en mercados de terceiros países (fóra da Unión Europea), de acordo co reparto establecido polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente dos orzamentos correspondentes á convocatoria de 2017.

Estas achegas, financiadas integramente co Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), permitirán que un total de 22 empresas galegas poidan levar a cabo os seus proxectos, os cales supoñen un investimento total mobilizado que rolda os 2 millóns de euros. Nesta ocasión, como nas últimas convocatorias, recibirán axuda todos os solicitantes, sen que quedara fóra ningún expediente que cumpría os requisitos, malia ser esta unha convocatoria en concorrencia competitiva a nivel nacional.

Os beneficiarios destas axudas son sobre todo adegas, pero tamén hai outras empresas vinícolas, organizacións de produtores e órganos de xestión das denominacións de orixe protexidas, entre outras entidades. Tamén se poden beneficiar destas achegas as entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños, as cooperativas de segundo ou ulterior grao que comercializan viños elaborados polas súas adegas cooperativas asociadas e os organismos públicos con competencia legalmente establecida para desenvolver actuacións de promoción de viños españois en mercados de terceiros países.

O reparto dos fondos por parte do ministerio foi froito do consenso entre todas as comunidades autónomas. Unha vez repartidas as achegas, está previsto que se publique no prazo aproximado dun mes a correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo cos baremos establecidos polo Mapama, os beneficiarios recibirán entre o 50 e o 42,5% do investimento programado.



Agricultura ecolóxica

Así mesmo, a conselleira tamén defendeu en Madrid o potencial de Galicia en materia de agricultura ecolóxica. Explicou a evolución positiva deste eido produtivo nos últimos anos na nosa comunidade e avanzou que a Xunta traballa nun plan estratéxico para darlle aínda maior pulo. Esta planificación faise de acordo co sector e servirá para realizar unha análise rigorosa da situación e perspectivas deste ámbito, así como para deseñar as liñas fundamentais de fomento e promoción cara ao futuro.

A titular de Medio Rural sinalou que en Galicia a agricultura ecolóxica ten un amplo percorrido por diante, aínda que non deixou de crecer nos últimos anos, tanto en superficie inscrita como en volume de negocio e operadores. Así, en canto á superficie, en 20 anos a nosa comunidade pasou de apenas 13 hectáreas ás actuais 27.000, cun incremento superior ao 36% no último ano. En canto ao volume de negocio, desde o ano 1.999 multiplicouse por 140, ao pasar de apenas 290.000 euros aos actuais máis de 41 millóns. E os operadores pasaron de ser só 11 fai 20 anos a aproximarse aos 1.000 na actualidade.

A conselleira indicou ademais que o plan específico para o ecolóxico enmárcase noutra planificación máis ampla para fomentar a fixación de poboación no noso rural. Neste sentido, Medio Rural contempla uns investimentos de 4,3 millóns de euros nos próximos anos para fomentar os compromisos voluntarios de adoptar prácticas e métodos de agricultura ecolóxica, co obxectivo de alcanzar ata 230 novos contratos no horizonte de 2021 e unha superficie ecolóxica de case 8.000 hectáreas máis.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias