A Coruña.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe, durante a súa intervención no X Encontro de Alumnos do IESE celebrado esta tarde na Coruña e centrado nos hábitos da empresa familiar de éxito, que o mapa empresarial da comunidade ten neste tipo de compañías un elemento definitorio. Así, apuntou que neste momento máis do 92% das empresas en Galicia son familiares, achegando máis do 96% do emprego. Do mesmo xeito, indicou que 69 das 100 maiores empresas con sede na comunidade se atopan baixo propiedade familiar.
Conde incidiu en que estas empresas teñen o seu principal desafío en planificar o proceso de sucesión, ao que a Xunta está a contribuír eliminando cargas impositivas. Así, desde o ano 2016, o 99% dos galegos non paga o Imposto sobre Sucesións e Doazóns, nin o tramo autonómico do IRPF, nin tributan pola transmisión, herdanza ou doazón de empresas. De feito, ofrécense bonificacións fiscais á hora de herdar un negocio, para que as dúas persoas que se dan o relevo poidan compaxinar os seus cargos na dirección durante un ano.
Ademais, neste momento, tal e como adiantou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, estase a consensuar na Mesa do Emprego Autónomo o programa de relevo xeracional para este colectivo, unha medida coa que se busca apoiar a continuidade dos seus negocios e fomentar a integración da mocidade.
Na súa intervención, Conde resaltou a contribución das empresas familiares aos bos datos que está a rexistrar a economía galega, entre os que resaltou que Galicia, segundo as previsión de Funcas, será neste 2017 unha das catro comunidades autónomas que crecerá por riba da media nacional; ou que o Centro de Predición Económica (Ceprede) destaca que esta é a sexta comunidade cunha industria máis competitiva. Do mesmo xeito, apuntou que para consolidar estas cifras cómpre que a economía galega innove máis, exporte máis e atraia máis investimentos cara os principais sectores produtivos, para o que, sinalou, a empresa familiar seguirá tendo un especial protagonismo.O conselleiro incidiu en que para apoiar a este tipo de empresas e ao conxunto do tecido empresarial galego, a Xunta ten en marcha iniciativas como o programa de financiamento Galicia 1000, que este ano prevé chegar a máis de 3.000 pemes galegas, ou o ReAcciona, que xa axudou a reinventarse a máis de 850 empresas en catro anos.
Tamén fixo referencia a que para seguir eliminando os máximos obstáculos posibles á actividade empresarial, estase a elaborar a Lei de implantación empresarial, e aos apoios dispoñibles noutros eidos como a internacionalización ou a innovación.