El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

SAÚDE

A Xunta cuadriplicou o número de tratamentos da Hepatite C

07-06-2017 19:58:39

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, informou hoxe no Parlamento que a Xunta cuadruplicou o número de tratamentos da Hepatite C dende a implantación no Sergas do Plan estratéxico para a abordaxe da Hepatite C no Sistema Nacional de Saúde.

Galicia foi a primeira comunidade en poñer en marcha o Plan, o 1 de abril de 2015, tras a súa aprobación, o 26 de marzo, polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. Ata ese momento, o Sergas tiña iniciado 1.137 tratamentos para a Hepatite C cos novos antivirais comercializados desde o ano 2012. Tras a posta en marcha do Plan estratéxico, o número de tratamentos case se cuadruplicou, ata chegar aos 4.188 dous anos despois. Desta cifra, 51 corresponden a segundas liñas de medicación a pacientes con retratamentos con antivirais de acción directa (AAD).

Vázquez Almuíña explicou que unha vez analizados os 4.137 tratamentos novos, atópase unha poboación maioritariamente masculina (68,29% de homes fronte ao 31,71% de mulleres) e maioritariamente monoinfectados (81,68% de pacientes monoinfectados fronte ao 18,32% de pacientes co-infectados co VIH). Tamén hai 90 pacientes transplantados hepáticos, dos que 7 están en lista de retransplante hepático. O rango de idades da poboación é moi amplo, dende os 17 ata os 90 anos.

Ao analizar os resultados dos tratamentos, o conselleiro destacou unha efectividade global dos antivirais de acción directa do 95,20% e que esta cifra ascende ao 97,09% se non se contabiliza aos doentes que non remataron o tratamento por causas diversas.

Respecto á efectividade dos AAD en determinados subgrupos, Almuiña detallou os resultados destes tratamentos no subgrupo dos pacientes transplantados hepáticos (97,14%), dos pacientes con co-infección VIH (97,67%) ou o grupo dos pacientes que presentan manifestacións extrahepáticas graves da enfermidade e que foron tratados independentemente do seu grado de dano hepático (100%). Estes datos corresponden aos dous primeiros anos do funcionamento do Plan, dende o 1 de abril de 2015 ata o 31 de marzo de 2017.


Plan estratéxico para a abordaxe da Hepatite C no Sistema Nacional de Saúde

Os avances nos últimos anos, e a rápida incorporación de novidades terapéuticas e de novos ADD incluídos no financiamento do Sistema Nacional de Saúde, fixeron necesario contar cun Plan para abordar a Hepatite C de forma homoxénea entre todas as comunidades. Naceu así o Plan Estratéxico para a abordaxe da Hepatite C no Sistema Nacional de Saúde. O Sergas participa no Comité Institucional no que se analizan e propoñen as liñas de acción comúns a desenvolver nas distintas Comunidades Autónomas en relación co despregue de todas as estratexias recollidas no plan nacional.

Este plan, en principio con vixencia de tres anos, ten como obxectivo diminuír a morbi/mortalidade causada polo virus da hepatite C (VHC) abordando eficientemente a prevención, o diagnóstico, o tratamento e o seguimento dos pacientes. A infección polo virus VHC é unha das principais causas de hepatoloxía crónica en todo o mundo. As repercusións que ten a infección polo VHC a longo prazo son moi variables, e van dende alteracións mínimas ata a fibrose extensa do fígado e a cirrose con ou sen carcinoma hepatocelular. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias