El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

SAÚDE

Almuiña destaca as melloras do Plan galego de atención ao Ictus

08-06-2017 18:27:05

“En Galicia se producen ao redor de 7.000 novos casos de ictus cada ano, e de feito é unha das prioridades da Consellería de Sanidade, e na Estratexia do Sergas 2020 figura como obxectivo mellorar a accesibilidade á atención sanitaria e a equidade no acceso a un recurso de calidade para toda a poboación de Galicia, diminuír a morbimortalidade e incrementar a calidade diagnóstica e terapéutica desta enfermidade”. Así o sinalou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no acto de inaguración do International Symposium: Mechanical Thrombectomy in Acute Stroke Therapy.

“Dende o Servizo Galego de Saúde temos mellorado a atención aos pacientes cun ictus en fase aguda, promovendo a equidade no acceso á mellor atención posible e á vez mantendo a sostenibilidade do sistema sanitario. Un modelo baseado na cooperación dos distintos servizos e niveis asistenciais, estructurando a atención como un área única para Galicia. Así, xunto cos responsables de Neuroloxía do Sergas, optamos por avanzar cara un modelo de atención que funciona como unha rede de asistencia con todos os recursos dispoñibles que permite prestar a cada paciente o mellor recurso en función da súa complexidade”, -remarcou o conselleiro no acto de hoxe-.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego lembrou que, dende xuño do pasado ano, o seu departamento puxo en marcha o Plan Galego de Atención ao Ictus. Un dos aspectos máis importantes en relación ao mesmo é a creación dunha Central de Atención ao Ictus para toda Galicia. Con ela, pode contactar calquera médico dun servizo de urxencias hospitalarias que atende un paciente con ictus. Deste xeito, achégase a mellor atención ao ictus en calquera lugar onde se atope o paciente. Nesta central, un neurólogo experto en ictus, localizado as 24 horas do día todos os días do ano, ten a posibilidade de realizar unha videoconferencia co médico responsable do paciente e poderá examinar en tempo real ao enfermo mediante unha cámara web de alta resolución, ou analizar a imaxe radiolóxica do paciente e tomar unha decisión compartida co facultativo que está a atendelo sobre a actitude terapéutica a tomar.

Outro dos aspectos fundamentais do Plan foi a creación das unidades de ictus e equipos necesarios para o sistema sanitario galego. Deste xeito, creáronse tres unidades (A Coruña, Santiago e Vigo), que teñen radiólogos intervencionistas que realizan as intervencións neurovasculares precisas. Ademais, constituíronse 5 equipos de ictus nos hospitais de Ferrol, Pontevedra, Lugo, Ourense e Burela. Nos seis hospitais comarcais a atención ao ictus se produce nos servizos de urxencias.

Entre os obxectivos do Plan está tamén a formación á poboación e aos profesionais sobre os síntomas de alerta de ictus. O Rexistro Galego de Ictus será a ferramenta fundamental que recollerá os principais datos que nos axudarán a establecer os circuítos asistenciais que implementarán as melloras necesarias.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias