A Xunta renova o seu apoio á Federación Galega de Bancos de Alimentos (Fegaban) cunha achega económica de 66.000 euros para o presente exercicio de 2017. O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, vén de asinar no seu despacho de San Caetano un novo convenio de colaboración con José Pita Chento, presidente da devandita federación, que está integrada polos distintos bancos de alimentos que actúan en Galicia. Ao acto tamén asistiu o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente.
O obxectivo deste convenio é o de promover e contribuír ao financiamento da actividade de captación e reparto de alimentos que desde estes bancos se realiza ás institucións e entidades benéficas para que as persoas e familias con menos recursos poidan satisfacer as súas necesidades alimenticias básicas. A contía da achega da Administración autonómica é de 66.000 euros, a mesma cantidade que na pasada anualidade. O Goberno galego iniciou en 2013 a súa colaboración con Fegaban cunha subvención de 50.000 euros.
O conselleiro subliñou a función que cumpren os bancos de alimentos, que valorou como “exemplos de xestión e aproveitamento da colaboración solidaria e desinteresada dos galegos e galegas”. Así mesmo, fixo fincapé no “esforzo anónimo dos voluntarios e voluntarias que durante todo o ano dedican parte do seu tempo a almacenar e preparar os lotes de produtos que logo se reparten ás entidades e organizacións benéficas”.
Na actualidade, en Galicia existen bancos de alimentos nas catro provincias. Estes son: Banco de Alimentos Rías Altas na Coruña, Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo, Asociación Banco de Alimentos de Vigo, Asociación Banco de Alimentos de Ourense, Fundación Banco de Alimentos de Lugo e Asociación Banco de Alimentos Rías Baixas Pontevedra.