A Televisión de Galicia emitirá cada semana a partir de mañá ás 21.30 horas un novo espazo de humor, "Air Galicia". O programa pretende "facer rir, sorrir e pensar" sobre "a nosa condición de galegos" cunha "visión transgresora", asegurou o director da Galega, Suso Iglesias. Iglesias afirmou que "Air Galicia" supón o regreso dunha "parella histórica" no humor da canle autonómica, a formada polos actores Manuel Manquiña e Antonio Durán "Morris", que o acompañaron na presentación do novo programa. O elenco de "Air Galicia" complétano Evaristo Calvo, Patricia Vázquez, Isabel Risco, Federico Pérez, Isi, Marcos Pereiro e Xosé Manuel Oliveira, que darán vida a unha serie de personaxes recorrentes como un avogado sen escrúpulos, uns rapaces de barrio periférico, un camioneiro farto da familia, unha parella de construtores. Morris comparou a experiencia de "Air Galicia" coa que vivira co guionista Chichi Campos na mesma canle autonómica, xa que en ambas "a diversión no traballo é moi importante". O actor cualificou o programa de "gamberro", que trata temas que teñen que ver coa actualidade. Así, cada entrega será un monográfico de media hora de duración con sketches no que a protagonista inicial sexa Galicia. Este xoves, o programa irá dedicado ao tema da vivenda, "unha das preocupacións máis importantes na vida dos galegos", segundo indicou o director Andrés Mahía. A relación coa morte, a política, o xantar ou o Camiño de Santiago serán outros dos eixos dos vindeiros 12 programas. Escaparate Suso Iglesias salientou que a canle pretende "ofrecer un escaparate da intención da cadea" na franxa horaria que ocupa "Air Galicia", e outras propostas como "Historias de Galicia" ou "Alalá". "Air Galicia" súmase a outros contidos de humor da grella da televisión galega, como "Os Tonechos" e "Pillados", o novo programa de cámara oculta.