A Coruña.- A Programación Lírica de Amigos da Ópera volve ao Teatro Colón en que se desenvolveu desde o nacemento da entidade hai sesenta e cinco anos a inicios dos anos noventa. A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, transmitiu o agrado pola “reinauguración” do espazo cultural coa xestión directa co programa lírico.
O 18 de agosto iniciaranse os ensaios e o 1 de setembro a Programación Lírica de Amigos da Ópera que regresa ao Teatro Colón en que comezou a súa historia, coincidindo tamén co cambio no centro cultural que pasa á xestión directa da Deputación da Coruña.
“Quero transmitir o agrado da Deputación da Coruña co regreso da ópera a este espazo, a un Teatro Colón en que se desenvolveu durante tanto tempo. Temos convencemento de que esta ilusión é compartida coa organización e tamén co público que volverá a se atopar coa súa casa inicial”, dixo Goretti Sanmartín na presentación da programación nunha roda de prensa en que estivo acompañada polo xerente de AGADIC, Xacobo Sutil, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, a presidenta de Amigos da Ópera, Natalia Lamas e o director artístico da Programación Lírica, Cesar Wonenburger.
A vicepresidenta e tamén responsábel de Cultura da Deputación sinalou no acto que o Teatro Colón ofrecerá aos distintos públicos un programa “diverso e plural, que teña moitos focos de interese. Agora presentamos as propostas líricas mais hai uns días tivemos músicas ben diferentes con Sofía Espiñeira e Chotokoeu, na conmemoración da semana do Orgullo”, dixo na súa intervención.
Ordenanza e Regulamento
Anunciou Goretti Sanmartín que proximamente se presentará o programa cultural do Teatro Colón para os vindeiros seis meses de xestión directa que incluirá programación propia mais tamén propostas de compañías e entidades que solicitaron ter acceso ao privilexiado escenario da Coruña.
A presentación do programa lírico realízase a véspera de que o pleno da Deputación da Coruña aprobe o Regulamento de usos e a Ordenanza de Prezos necesaria para desenvolver as actividades programadas para os próximos meses. “Teremos así todo completamente preparado par iniciar unha serie de actividades que nos próximos meses incluirán programación propia, cesión a entidades sen ánimo de lucro e a compañías, sempre baixo a perspectiva de desenvolver actividades de carácter cultural de alta calidade”, sinalou Goretti Sanmartín que agradeceu tamén a participación do persoal da Deputación para conseguir que o cambio de xestión se realizase cunha rapidez que garantiu a continuidade de actividade no Teatro.
O 1 e o 3 de setembro representarase Un baile de máscaras, a obra de Giuseppe Verde inicialmente denominada Gustavo III que tivo no seu tempo problemas coa censura e o 23 de setembro Lucrezia Borgia de Gaetano Donizetti, como unhas das principais citas dun programa que renderá homenaxe á soprano galega Ángeles Gulín e ao director Alberto Zedda. Departamento de comunicación