A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio achega as boas prácticas para o fomento da reciclaxe aos areais galegos. Será a través da campaña itinerante Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclemos mellor, liderada polo departamento autonómico en colaboración con Sogama e Ecoembes; que durante este verán se instalará nas praias da Comunidade para seguir sensibilizando á cidadanía sobre a importancia de adoptar comportamentos que faciliten a valorización dos residuos e a prolongación da vida útil dos produtos.
Así, concretamente durante este mes de xullo, a aula móbil trasladarase a un total de 19 areais das provincias da Coruña e Pontevedra e visitará unha ducia de campamentos de verán espallados por toda a Comunidade. Igualmente, a programación da campaña itinerante prevista para esta tempada completarase coa instalación dunha carpa informativa nos concellos de Frades, Abegondo, Mesía, Touro, Carballedo, Begonte, Monterrei, Cerdedo e Castrelo de Miño. Esta carpa estará presente, tamén, durante a celebración de probas deportivas como o Campionato Nacional de Surf de Ferrol, que se celebra o vindeiro 2 de xullo, ou o Kayak de Cabanas, o día 20. En calquera caso, a programación completa para o mes de xullo pode consultarse no cadro enlazado abaixo.
Deste modo, mediante actividades lúdico-didácticas, o persoal especializado da aula móbil e das carpas informativas mostrarán aos participantes como un xesto sinxelo pode axudar a coidar o planeta. Deste xeito, reutilizar papel, pois cunha tonelada de papel recuperado evitase a tala de 24 árbores adultas; reciclar unha botella de plástico aforra a enerxía necesaria para manter unha lámpada acesa durante 6 horas, pola contra, tarda 450 anos en descompoñerse na natureza; ao igual que as latas, que tardan entre 250 e 500 anos en descompoñerse, mentres que unha soa lata pode facer funcionar un televisor durante 3 horas.
Ademais, cómpre salientar que para facer desaparecer unha botella de vidro son necesarios máis de 5.000 anos se non se recicla, cando, se o facemos, estamos a aforrar enerxía para manter acendida unha lámpada durante catro horas.
En definitiva, os monitores animarán aos participantes a adoptar accións sinxelas que se poden materializar e realizar no día a día de xeito individual por grandes e pequenos, xa que o coidado do medio ambiente é unha responsabilidade de todos.
Por iso, o departamento de Medio Ambiente aposta por abandonar o sistema lineal de fabricar-usar e tirar para transitar cara a un modelo circular no que se dea prioridade ao máximo aproveitamento dos produtos. É importante reiterar a imposibilidade de contar con recursos naturais suficientes cos que satisfacer as demandas dunha poboación mundial en continuo crecemento.
Separemos ben, reciclaremos mellorCómpre recordar que hai case un ano o departamento autonómico puxo en marcha a campaña Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor. Trátase dunha iniciativa, en colaboración con Sogama e Ecoembes, que ofrece diversas actividades lúdico-didácticas a través das cales persoal especializado forma e informa ao público sobre a correcta separación dos residuos domésticos e os hábitos e comportamentos que poden adoptar para incrementar as taxas de reciclaxe, prolongar a vida útil dos produtos e fomentar a economía circular.
Dende a súa posta en marcha, en agosto de 2016, esta iniciativa xa ten achegado a case 75.000 cidadáns, que formaron parte activa da mesma e foron os destinatarios dalgunhas das 1.725 acciones realizadas neste período.