O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se incrementa a dotación orzamentaria dos pagos da PAC correspondentes á campaña 2017/2018. O aumento cífrase en algo máis de 123 millóns de euros, polo que o importe total destinado a estes pagamentos superará os 166 millóns de euros, que chegarán a máis de 30.000 agricultores e gandeiros galegos.
A ampliación faise efectiva para amparar todas as solicitudes das axudas relativas aos pagos directos á agricultura e á gandaría no marco da aplicación da Política Agrícola Común en Galicia, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), adscrito á Consellería do Medio Rural.
A maior parte destes fondos refírense aos chamados pago básico e pago verde. O primeiro deles ten que ver coa asignación de dereitos que teñen os agricultores e gandeiros e co número de hectáreas declaradas. O pago verde prima o mantemento de pastos, a diversificación de cultivos e as superficies de interese ecolóxico.
O aboamento destas cantidades forma parte da programación do Fondo Galego de Garantía Agraria para o conxunto do período 2017-2018, que abarca ata o mes de xuño do próximo ano. As campañas da PAC (no relativo ao primeiro piar, de pagamentos directos) comezan o seu prazo ordinario de pagos o día 1 de decembro de cada ano e rematan o 30 de xuño do ano seguinte. Estes fondos súmanse aos xa aboados e correspondentes á campaña 2016-2017, que superan en conxunto os 170 millóns de euros.
Galicia solicitou ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente a autorización para facer efectivo o anticipo dos pagos correspondentes á campaña 2017-2018, de forma que ata o 70% se poidan aboar entre o 16 de outubro e o 1 de decembro, para compensar aos agricultores afectados por incidencias como as xeadas ou a seca. Enlace á orde publicada hoxe polo DOG