A Xunta reforzará nas vindeiras semanas o control do movemento de patacas nas zonas afectadas pola couza guatemalteca para evitar a propagación desta praga. Ademais, farase un especial fincapé no seguimento do transporte de tubérculos por parte dos turistas que visiten estas áreas durante o verán. Estes traballos levaranse a cabo en coordinación co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) e co Principado de Asturias, segundo se acordou nunha xuntanza de traballo entre responsables destas administracións.
Nesta reunión de coordinación, celebrada en Madrid, participaron o director xeral de Sanidade da Produción Agraria do Ministerio, Valentín Almansa, o director xeral do Desenvolvemento Rural e Agroalimentación do Principado de Asturias, Jesús Casas, e, por parte da Xunta, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, Belén do Campo.
Neste encontro constatouse o bo grao de cumprimento dos traballos para o control da praga, especialmente no que se refire á retirada e destrución de tubérculos, unha etapa que está practicamente concluída, tanto en Galicia como en Asturias. Nestes labores houbo un notable consenso social e un alto grao de compromiso por parte de todos os axentes implicados.
Dos datos dispoñibles conclúese que a praga non ampliou a súa presenza máis alá das zonas declaradas e os controis e trampeos que se levan a cabo de xeito sistemático manifestan unha presenza de couza notablemente inferior á que se detectou no inicio do plan de control. En todo caso, considérase necesario manter estes sistemas de seguimento para dispor da mellor información posible sobre a evolución da praga.
As administracións implicadas quedaron emprazadas para o vindeiro outono, co fin de realizar unha nova avaliación da situación. Os gobernos do Estado, asturiano e galego coinciden en facer un recoñecemento xeral á cidadanía, que colaborou en todo o proceso coas autoridades, unha cooperación que se fixo especialmente patente por parte dos agricultores das zonas afectadas. E asumen a necesidade de manter as medidas precisas para controlar a praga, incluíndo as indemnizacións aos afectados e as sancións para quen non cumpra a lei.