O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, anunciou
hoxe que os galardoados deste ano coa Medalla de Ouro de Galicia son Aníbal
Cavaco Silva, José Manuel Romay Beccaría, Isabel Castelo e Miguel Ángel Blanco.
Así o acordou o Consello da Xunta na súa reunión desta mañá, que aprobou o
decreto polo que se concede esta distinción.
Segundo destacou o xefe do Executivo Galego, a Medalla de Ouro de
Galicia é o máximo recoñecemento que se lle fai aos que se comprometen ou se
comprometeron coa nosa comunidade, “un agradecemento en forma de medalla a
aquelas persoas, institucións e fundacións cuxa actividade honra a nosa terra”.
Neste senso, sinalou que os premiados deste ano contan con “traxectorias
consolidadas que, desde distintas esferas de vida, tentaron mellorar Galicia”.
Miguel Ángel
Blanco Garrido
Nacido en Ermua pero descendente dun galego de Xunqueira de Espadañedo e
dunha galega da Merca. Licenciado en Económicas, traballou como albanel e
exerceu como economista nunha consultaría de Eibar.
Iniciou a súa andadura política con 27 anos e foi concelleiro na súa
localidade natal, decisión que o puxo no punto de mira de ETA. En xullo de 1997
foi secuestrado e asasinado por esta banda terrorista.
“Este asasinato espertou unha onda moi poderosa na conciencia cidadá de
rexeitamento case unánime contra a violencia da banda terrorista, que foi
coñecido durante moito tempo como espírito
de Ermua”, afirmou Feijóo. Os seus restos mortais repousan desde hai unha
década no cemiterio da Merca, en Ourense.
“É un símbolo da liberdade e da democracia”, sinalou o presidente da
Xunta, engadindo que Galicia recoñece con esta Medalla de Ouro a un home
valente, que non dubidou en defender a liberdade nun tempo de terror.
Isabel Castelo
D’Ortega
Galega da Coruña, foi cantante profesional da ópera, profesión que
deixou para dedicarse á empresa. É a actual presidenta de honra do Grupo
Seguros Ocaso e tamén preside Castman Patrimonios, unha sociedade dedicada a
actividades de aluguer inmobiliario.
Na actualidade está retirada da súa faceta empresarial pero serve a
Galicia desde a actividade benéfica. Así, colabora coa asociación de persoas
con discapacidade Aspadisol, do concello coruñés de Oleiros; contribuíu a
soster o Aquarium Finisterrae da Coruña, e cando sucedeu o desastre do Prestige
recadou fondos desde a Fundación Arao.
O seu carácter solidario xa fora recoñecido por Unicef, a Cruz Vermella e
a Asociación Española contra o Cancro e conta coa Gran Cruz da Orde do Mérito
Civil e a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo.
Aníbal Cavaco
Silva
Nacido no Algarve, en Portugal, compaxinou os seus estudos no Instituto
Superior de Ciencias Económicas e Financeiras de Lisboa coa práctica deportiva
da carreira de vallas, especialidade na que chegou a ser campión portugués.
Despois de doutorarse en Economía, iniciou a súa carreira política.
Neste eido, Cavaco Silva, exerceu como ministro de Finanzas do Goberno de Sá
Carneiro e foi primeiro ministro de Portugal entre 1985 e 1995, o Goberno máis
longo da historia democrática do país veciño, tal e como lembrou o presidente
da Xunta. Posteriormente, entre 2006 e 2016, foi presidente de Portugal.
Logo de lembrar que Cavaco é un dos políticos que máis contribuíu a
perfilar o país na era democrática, Feijóo lembrou que o ex-presidente luso
sempre tivo claro que os nosos dous países debían estreitar os seus lazos. De
feito, baixo a súa presidencia fortaleceuse a cooperación transfronteiriza e
tamén se estreitaron os vínculos de Galicia coa lusofonía. Neste senso, Cavaco
veu a Galicia para acordar reforzar a presenza do portugués no noso ensino
medio.
“Recoñecemos deste xeito a un cooperador leal, a un dirixente sensato, a
un amigo de Galicia”, afirmou Feijóo.
José Manuel Romay
Beccaría
Galego de Betanzos, licenciado en Dereito con Premio Extraordinario de
Fin de Carreira e doutor en Dereito. Con só 25 anos chegou, por oposición, a
ser letrado do Consello de Estado.
Foi vicepresidente do primeiro Goberno autonómico de Galicia e serviu á
comunidade como presidente da Deputación da Coruña entre 1987 e 1990. Tamén foi
conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Forestal e conselleiro de
Sanidade da Xunta. Posteriormente, foi ministro de Sanidade. Hoxe en día,
preside o Consello de Estado, institución na que iniciou a súa carreira.
Como sinalou o presidente da Xunta, “falamos dun home de Estado que sabe
o que é traballar por Galicia desde todas as Administracións públicas”. Neste
senso, indicou que nunca entendeu servir a Galicia e traballar por España como
unha disxuntiva, senón que sempre tivo claro que unha cousa implicaba a outra.
Posúe distincións como a Gran Cruz da Orde de Carlos III, de Isabel la
Católica, do Mérito Civil e da Orde de San Raimundo de Peñafort.