A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, asinou esta semana convenios de colaboración co presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, Tomás Fajardo, e cos das federacións provinciais de pescadores, José Basilio Otero, Manuel Daniel Formoso e José Antonio Gómez. A través destes convenios, a Xunta contribuirá á mellora da competitividade destas entidades con 80.000 euros.
A Federación Galega de Confrarías de Pescadores disporá de 27.000 euros para mellorar as instalacións, adquirir equipamentos informáticos e mellorar as condicións de seguridade. Ademais, ao abeiro do convenio, organizaranse varias xornadas de traballo sobre os TACs e cotas de pesca e tamén se desenvolverán accións de formación.
En canto ás federacións provinciais, a de Lugo contará con 23.000 euros para a adquisición de equipos informáticos que redunden na mellora do desenvolvemento das actividades de xestión e administración da entidade. Tamén se levarán a cabo diversas accións para a valorización dos produtos pesqueiros e do labor das confrarías. A maiores, celebrarase un congreso sobre a pesca artesanal no caladoiro Cantábrico-Noroeste co fin de mellorar a súa xestión.
Pola súa banda, a Federación da Coruña recibirá 15.000 euros co obxecto de realizar un ciclo de xornadas sobre formación en xestión asociativa responsable, para mellorar os coñecementos da directiva. Ademais, tamén se porá a andar unha páxina web da federación.
No caso da Federación de Pontevedra, tamén contará con outros 15.000 euros para o acondicionamento das instalacións, a adquisición de equipamento informático e tamén para a posta en marcha dunha páxina web.
Para o control de cada un destes convenios crearase unha comisión de seguimento, composta por dous membros da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e polo presidente e o secretario de cada unha das federacións provinciais. A vixencia desta colaboración é ata o 16 de decembro de 2017.