El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

PROGRAMA XUVENTUDE CREA

A Xunta premiará o talento da mocidade galega

26-07-2017 15:00:29

Ourense.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presentou hoxe a convocatoria do programa Xuventude Crea, que na edición deste ano conta cun orzamento de 112.778 euros para premiar o talento de autores novos nas doce especialidades deste certame: cociña, teatro, artes plásticas, fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, moda e deseño de xoias. Nesta rolda de prensa tamén se deu a coñecer o cartel do certame, que é obra de Julia González Yáñez, gañadora do concurso de deseño organizado para a ocasión e que ademais se leva un premio en metálico de 500 euros, e por último se presentou a publicación que recolle os 55 traballos que resultaron premiados no Xuventude Crea de 2016.

O acto de posta de largo deste certame celebrouse na Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, e tivo como elemento de apoio un graffiti realizado polo mozo ourensán Ramón Conde-Corbal Varela Mon, gañador da especializade de graffiti na convocatoria de 2015. Na súa intervención, Cecilia Vázquez sinalou que Xuventude Crea “é o evento que engloba a maior manifestación das posibilidades creativas da mocidade galega”, e que ten por obxectivo “apoiar e fomentar o talento xuvenil poñendo a liberdade creativa por riba de todo”. “Queremos que os mozos e mozas sexan capaces de desenvolver os seus valores e habilidades, poidan manifestar as súas inquedanzas artísticas e culturais, ao mesmo tempo que se lles oferta unha canle para que poñan de manifesto a súa creatividade e as súas capacidades”, engadiu a directora xeral.

O prazo de presentación de proxectos a cada unha das especialidades de Xuventude Crea está aberto ata o vindeiro 31 de agosto. Poderán participar as persoas galegas ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2017. Agás no caso das modalidades de teatro, música, banda deseñada e graffiti, a participación será sempre a título individual e non poderán facelo nunha especialidade aquelas persoas que gañasen o primeiro premio desa mesma especialidade na edición do ano anterior. Ademais todas as obras terán que ser en galego, orixinais e inéditas.

O xurado estará composto por profesionais en cada unha das especialidades creativas do certame. No tocante aos premios, cada unha das especialidades contará cunha mención de honra, sen dotación económica, e con tres premios: o primeiro, de 3000 euros; o segundo, de 1500; e o terceiro, de 1000 euros. As bases do concurso pódense consultar no Diario Oficial de Galicia do pasado 14 de xullo.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias