A área de Cultura da Deputación da Coruña suma 458.451,39 € da partida destinada a festivais organizados por entidades aos 518.187,14€ concedidos con anterioridade aos promovidos polos concellos. Con esta nova achega, suma case un millón de euros e sitúase á cabeza do apoio institucional a festivais.
A área de Cultura da Deputación da Coruña publica no BOP a resolución provisional de subvencións concedidas a entidades sen fins de lucro para a organización de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas que, nesta edición, suman 458.451.39 € que se distribúen en 34 festivais da provincia.
A cantidade distribuída agora nos festivais organizados por entidades súmase á xa concedida para os que organizan os concellos, unha liña de apoio a través das que se concederon 518.187,14 €. En total, a cantidade de apoio a festivais por parte da Deputación da Coruña ascende a case un millón de euros, a maior das concedidas polas institucións con este obxectivo. “Como eventos de especial relevancia para o sector da cultura decidimos apostar de maneira decidida polos festivais, que son tamén extraordinarios escaparates da música, as artes escénicas e o audiovisual e convértense en atractivos turísticos de primeiro nivel”, explica a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín. “Ademais dos que forman parte da actividade directa promovida polos concellos, o abano de festivais organizados por entidades dá idea dun bulir cultural que nos comprace apoiar”, engade, arredor da liña de apoio a festivais organizados por asociacións.
Na listaxe de festivais subvencionados pola Deputación da Coruña, os de música son maioría, co apoio a eventos como o festival Rock and Dorna na Festa da Dorna, o Folk in Río, Carballeira de Zas, Fene Rock Festival, Feito a Man de Compostela, Festa Folk na Fin do Camiño, Discalz@s polo Festival de Cedeira, Carrilanas de Esteiro, Festival da Luz, Festival Irmandiño de Moeche, Grelo Folc, Sereas e Piratas, Sea Sons, Loro Facu, Castelo Folk, Festival Comarea, Rock in Rian, Festigal, Festival do Río Castro, Treme a Terra, Felipop, Festival Castelo Rock ou V de Valarés.
No ámbito das artes escénicas, reciben axuda da Deputación da Coruña o festival Galicreques de Santiago, Manicómicos, Esténarúa, Titiriberia, Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) e a Mostra de Teatro Afeccionado de Lousame. Organizados por entidades, na listaxe atópanse tamén tres festivais do ámbito audiovisual, o Wos Festival, S8 Mostra Internacional de Cinema Periférico e Freakemacine. Ademais, complétase a relación de eventos subvencionados co Festival Internacional de Cultura Atlántica Migrante e o Certame de Repente da Asociación Oral.