El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

A Xunta amplía nun 40% as axudas para a formación de desempregados

28-07-2017 17:59:27

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello que o Goberno galego incentivará a formación e a contratación de desempregados a través de unidades formativas en catro empresas de sectores estratéxicos en Galicia, que se comprometen a contratar, como mínimo, ao 60% do alumnado. Por outra banda, anunciou a ampliación nun 40% das axudas para a formación de persoas desempregadas.

O informe presentado hoxe reafirma a aposta do Executivo autonómico por “apoiar ás persoas que queren traballar e non poden”, segundo explicou Feijóo. Deste xeito, poñeranse en marcha nove unidades formativas financiadas ao 100% polo Goberno galego no sector aeronáutico, en Coasa; no agroalimentario, en Coren; no metalúrxico, en Exlabesa; e na prevención de riscos laborais, en Previsonor.

As unidades formativas ofertarán, subliñou, 5.000 horas de preparación para 130 persoas que acadarán unha formación de referencia, das que 84 (un 64%) obterán un contrato de traballo. Aos 400.000 euros que a Xunta investirá nesta formación, sumaranse incentivos á contratación con axudas que poderán chegar aos 9.000 euros no caso dun contrato indefinido. Nese sentido, Feijóo salientou que “Galicia é a única Comunidade Autónoma que mediante este tipo de formación á carta financia directamente a contratación”.


Formación para persoas desempregadas

Ademais, o presidente da Xunta avanzou que se incrementarán en máis de 15 millóns de euros os incentivos para a formación de desempregados impartida en empresas, concellos e entidades sen ánimo de lucro, así como a súa duración, que pasará a ofrecerse ao longo de todo o ano. Así, a inversión do Goberno galego neste eido aproximarase a preto de 56 millóns de euros, o que supón un aumento do 40% con respecto á convocatoria inicial e do 70,6% en relación á do ano anterior.

A través de 1440 cursos, dos cales se reservará o 15% para persoas sen estudos básicos, 20.540 persoas percibirán formación cualificada. Estas accións formativas, nas que se dará máis relevancia ás especialidades con maiores índices de inserción laboral, están dirixidas principalmente a persoas desempregadas. Así mesmo, se o total das prazas non se cobre, permitirase unha participación de ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas.

Feijóo resaltou que o 64% dos participantes atopan un traballo aos seis meses de rematar a formación. Ademais, lembrou que o Goberno galego tamén destinará 7 millóns de euros para financiar os gastos de transporte, manutención e conciliación do alumnado.

Finalmente, o presidente da Xunta lembrou que o Executivo autonómico está a investir 80 millóns de euros en formación para desempregados a través de cursos de formación e unidades formativas, así como mediante o programa Cualifica FP, a oferta formativa en centros da Consellería de Economía e a formación específica para menores de 30 anos. “Este investimento permite contar cunha oferta de máis de 27.000 prazas en case 1900 cursos”, dixo.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias