A Consellería do Medio Rural destina preto de 140.000 euros nos anos 2017 e 2018 a financiar visitas de agricultores e gandeiros galegos a explotacións doutros países da Unión Europea, para intercambiar coñecementos e boas prácticas. Trátase de facilitarlles a oportunidade de compartir experiencias con compañeiros doutras latitudes, especialmente no ámbito da innovación, para poder despois incorporar eses coñecementos no seu labor diario.
Deste modo bota a andar o programa de “Erasmus Agrarios” que impulsa a consellería. En total, ata o de agora son 14 as entidades beneficiarias destas axudas, entre agrupacións de produtores, comunidades de montes veciñais en man común, universidades, organizacións profesionais agrarias, cooperativas e empresas.
Os destinos
Os destinos solicitados abarcan países como Italia, para coñecer explotacións de produción de planta ornamental; Irlanda, para familiarizarse coa produción de vacún de carne; Alemaña e Dinamarca, para realizar visitas a explotacións de vacún ou Francia, para visitar outro tipo de granxas. Ademais, tamén se financian desprazamentos a diferentes comunidades autónomas españolas, caso de Asturias, Castela e León ou o País Vasco, co fin de intercambiar experiencias sobre viveiros e empresas, regadío e granxas agroecolóxicas de xente moza, respectivamente.
Esta iniciativa forma parte do Plan de fixación da poboación no medio rural impulsado pola Xunta e que está dotado con máis de 230 millóns de euros para executar no horizonte de 2020. En concreto, este programa contempla a posibilidade de realizar este tipo de visitas –dun máximo de cinco días– e tamén estadías de maior duración –ata un mes–. Polo de agora os proxectos subvencionados céntranse nas visitas máis curtas e a intención é incorporar o vindeiro ano estadías de maior duración.