A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, puxo hoxe en marcha a primeira fase do Plan de transporte que garante o funcionamento deste servizo público en toda a comunidade galega, tras a renuncia das empresas a seguir prestando máis de 570 liñas de autobús.
O Goberno galego, tal e como se tiña comprometido, está a realizar no día de hoxe un seguimento de todas as incidencias para que as empresas as solucionen o antes posible. Aínda que esta primeira xornada de implantación do plan se está a caracterizar pola normalidade, están a xurdir incidencias puntuais, que o Executivo autonómico está a traballar para resolver, chamando ás empresas, encargadas de dar a coñecer os horarios, as paradas e o servizo a demanda aos cidadáns.
A Consellería de Infraestruturas realizou hoxe a adxudicación de tres concesións do novo plan, que estaban pendentes na provincia de Ourense, concretamente nas áreas de Celanova, Baixa Limia e a comarca de Ourense. Así, con estas tres adxudicacións, complétase o procedemento administrativo para que as liñas de autobús teñan unha empresa que preste os servizos.
Con este proceso de adxudicación concluído, hoxe comeza a primeira fase deste plan, que é a única alternativa viable para asegurar que Galicia seguirá a ter transporte público, con melloras, especialmente no medio rural, onde o sistema actual ten máis carencias. Para iso, iniciouse a modernización do transporte público, cun novo modelo que ten como obxectivos levar o autobús onde antes non chegaba, aproveitar as sinerxías e potenciar un maior uso social dos recursos públicos.
A Xunta lembra que as empresas adxudicatarias das novas concesións de transporte teñen a obriga de difundir a información necesaria sobre os horarios e as paradas correspondentes aos servizos para facilitar os desprazamentos dos usuarios.
A páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda xa dispón dos teléfonos de contacto das empresas e de reserva de servizo do transporte a demanda naqueles puntos nos que estea previsto. No seguinte enlace pódense consultar estas canles de información.
No que se refire ao eido laboral, cómpre lembrar que o Plan de transporte contén cláusulas moi claras para blindar a estabilidade dos traballadores que deben ser respectadas, pois do contrario, as empresas estarían a cometer irregularidades.