O grupo mexicano Maná ofrecerá un concerto único en Galicia no mes de xuño. A capital galega será un dos nove destinos da banda de rock latino en España, dentro da súa xira mundial "Amar es combatir. Tour 2007". As entradas para o espectáculo, que terá lugar o 22 de xuño no auditorio do Monte do Gozo, xa están á venda a través da web de Caixa Galicia ao prezo de 28 euros, cun desconto do 15 por cento para os posuidores da tarxeta Net Club Caixa Galicia, e a 30 euros o día do concerto. O responsable de Cávea, a división de produción de eventos da Corporación, Ramón García Barros, referiuse ao evento como "un dos grandes concertos do ano en Galicia" e confía en convocar a máis de 20.000 persoas, nun auditorio con aforo para 30.000 espectadores. Caixa Galicia traerá nos vindeiros meses a artistas internacionais dentro dun ciclo que inicia Maná. Considerado como "un dos grupos máis demandados", o grupo acadou sete premios Grammy Latino e ten vendido máis de 20 millóns de discos en todo o mundo, tras máis de dúas décadas no panorama musical. O concelleiro de Festexos, Xosé Baqueiro, salientou a importancia de aproveitar "un dos mellores auditorios de España" levando ao Monte do Gozo "dous ou tres grandes espectáculos ao ano". Ao tempo, o xerente do Xacobeo, Ramón Rodríguez Eguíbar, recoñeceu en rolda de prensa que un concerto como o de Maná "pon en valor" o auditorio. Ciclo Organizado pola entidade financieira en colaboración coa Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo e co Concello de Santiago, o recital de Maná será o inicio dun ciclo de concertos de artistas internacionais dirixido a xente nova. Baixo o título 'Directo ao directo', Caixa Galicia programará nos vindeiros meses nas cidades galegas espectáculos de "grupos punteiros", segundo anunciou hoxe en rolda de prensa o responsable de Cávea. Ao tempo, os usuarios da web de Net Club participarán no sorteo de 50 iPods Nano e 50 entradas para ver a Maná.