O secretario xeral dos populares galegos, Miguel
Tellado, lembrou que o partido estará acompañando este domingo ao presidente
nacional, Mariano Rajoy, no tradicional acto de apertura curso político. Como
xa acontecera o ano pasado, este evento celebrarase na Carballeira de San
Xusto, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Sobre isto, Tellado
subliñou que é unha honra acoller un ano máis ao líder popular na súa propia
casa.
O número dous
do PPdeG quixo lembrar que a situación política mudou desde hai un ano. “En
2016 afrontabamos aquel acto coa incertidume sobre a formación do goberno
central, e a poucos días de comezar unha campaña autonómica que máis tarde se
revelaría crucial”, apuntou, para valorar que “o 25 de setembro, Galicia falou.
E falou para dicir alto e claro que apostaba pola estabilidade e polo rigor.
Aquel resultado tamén contribuíu a aclarar o panorama nacional”.
Tellado
subliñou que “neste último tramo de 2017, co horizonte político moito máis
despexado, desde o Partido Popular afrontamos o vindeiro curso político con
máis ganas de traballar polos galegos ca nunca”. Así, quixo valorar que “temos
máis motivos ca nunca para facelo”, dada a renovada confianza dos cidadáns, os
bos indicadores económicos e a batería de iniciativas que prepara o Goberno
para consolidar o crecemento dos nosos sectores fundamentais.
Neste
contexto, insistiu en que “o PPdeG tampouco se detén, e seguirá traballando
arreo para construír proxectos que ilusionen aos veciños de cada recuncho de
Galicia”. Deste xeito, opinou que para conseguir este obxectivo “é fundamental
estar a pé de rúa, como estivo o presidente Feijóo durante o verán percorrendo
Galicia”; así como continuar co proceso de renovación e a celebración dos
congresos, comezando polo de Novas Xeracións, previsto para o 22 e 23 de
setembro.
Unha oposición centrada en si mesma
O secretario
xeral comparou a situación do PPdeG, que “afronta os próximos meses con
ilusión, con motivación, e cunha vontade de servir a Galicia que hoxe por hoxe
non se pode ver en ningunha outra formación da nosa terra”, coa dos principais
partidos da oposición, aos que ve “co reloxo parado desde o 25 de setembro” e
“centrados nas súas batallas internas”.
En canto ao
PSdeG, Tellado explicou que “hai tres candidatos sanchistas cuxo único programa
electoral é ver quen representa mellor a política do ‘No es no’”. “Mentres
tanto, non teñen ningunha dúbida en acusarse de xogo sucio e de denunciarse
publicamente”, incidiu.
Por outra parte,
lembrou que as Mareas de Podemos seguirán lideradas por Luís Villares, do que
dixo que “todos menos el saben que é un zombi político”, e criticou que os tres
alcaldes urbanos do seu partido seguirán máis centrados en derrocalo, despois
de ser eles os que o nomearon, ca de gobernar os seus concellos.
Así, o secretario
xeral concluíu que “hai un ano, os nosos rivais eran os partidos da oposición,
que ameazaban con intentar unirse para desbancar a quen gañase as eleccións.
Hoxe, para o PPdeG, os únicos inimigos son o paro, a inestabilidade e os
problemas aos que se enfrontan no seu día a día todos os galegos”. Departamento de comunicación