Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Vilagarcía de Arousa que o deporte, o turismo e o mar forman o conxunto idóneo para a promoción e fomentar a riqueza das nosas rías. Destacouno no transcurso da presentación da proba de natación Triple Coroa Illas Atlánticas, na que tamén participou a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana Díaz.
A conselleira do Mar aplaudiu a celebración de actos coma este que dan pulo a deportes que non son maioritarios, de cara a visibilizalos nun maior grao na sociedade. Ademais, explicou que deportes coma a natación encaixan dentro da aposta da Xunta de Galicia por complementar as actividades arredor do mar, “facendo de Galicia un destino atractivo, accesible, sustentable e de calidade”, dixo.
Nesta liña, Rosa Quintana sinalou que este tipo de encontros promocionan o patrimonio galego, centrado sobre todo neste caso nas Rías Baixas e nos arredores das Illas Atlánticas, xerando actividades non só vinculadas á natación, senón outras de tipo cultural como visitas guiadas, concursos de fotografía ou outras actividades de lecer. Ao fío disto, lembrou que todo este conglomerado aporta valores diferenciadores de Galicia, enriquecen a nosa oferta, especialízana e fan posible que as rías reciban visitantes durante todo o ano.
Pola súa banda, a directora xeral de Patrimonio Natural cualificou a proba como “unha boa oportunidade para que tanto os deportistas como as persoas que os acompañan poidan coñecer a riqueza natural e paisaxística do parque nacional”. Igualmente, sinalou que esta competición está considerada a máis larga e esixente do continente europeo, pero tamén das máis atraentes debido á singularidade do entorno no que se desenvolve. De aí, “a oportunidade que ofrecen estes eventos para a divulgación dos valores naturais e excepcionais deste enclave”.
Deste xeito, paralelamente á competición, organizaranse visitas guiadas e dous certames fotográficos mediante os cales se premiarán as instantáneas que mellor representen o patrimonio material e inmaterial do parque nacional. Estas actividades están pensadas para as familias e acompañantes dos deportistas e, para o seu desenvolvemento, contarase coa colaboración do persoal do Parque Nacional das Illas Atlánticas e tamén dos concellos da contorna.
Triple Coroa Illas Atlánticas
É a competición de natación máis dura de España que se celebra nas Rías Baixas. A proba completa consta de tres fases, dúas delas desenvolvéronse no ano 2015 e 2016 e a terceira delas é a que hoxe se presenta. Unha vez realizadas as tres travesías, os nadadores percorrerán un total de 57 km. A terceira e última proba celebrarase o vindeiro sábado 2 de setembro e nela os competidores terán que percorrer a nado 28 km, saíndo da Illa de Sálvora e rematando en Vilagarcía.