A Xunta abre mañá, tras a publicación da convocatoria hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), o prazo para optar ás axudas destinadas á formación para ocupados nas que investirá 22,5 millóns de euros entre 2017 e 2018 para a mellora da cualificación de 12.000 traballadores galegos. Nesta edición, o Goberno galego priorizará os sectores emerxentes e os vinculados coa Industria 4.0. O obxectivo é adaptar a formación das persoas que contan cun posto de traballo ás novas esixencias que demanda o mercado laboral e, polo tanto, o tecido produtivo galego. Do que se trata é de atender aos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas e ás aspiracións de promoción profesional dos traballadores permitíndolles mellorar a súa empregabilidade.
A iniciativa, que se enmarca na Axenda 20, está dirixida a centros e entidades de formación privadas acreditadas ou inscritas pola Administración pública competente para impartir a formación profesional para o emprego.
Dos 22,5 millóns de euros destinaranse 9 millóns para a formación sectorial, reservándose máis de 2,3 millóns para os ámbitos forestal, da automoción, agroalimentación e enerxías renovables e 2 millóns para o naval. O resto dos 9 millóns distribúese entre outros sectores como os da pedra natural, téxtil e moda e os emerxentes como a aeronáutica, a industria da saúde, a biotecnoloxía, a ecoindustria ou as tecnoloxías da información.
O Goberno galego, así mesmo, investirá 4,5 millóns para formación transversal; outros 4,5 para a cualificación e o recoñecemento profesional asociado á obtención dun certificado de profesionalidade; 3,5 millóns para autónomos; e un millón para os traballadores ou socios de empresas de economía social.
A convocatoria das axudas terá un carácter plurianual, o que posibilitará a realización de accións formativas máis complexas e cun maior período de duración, ao igual que xa ocorre coa formación para persoas desempregadas. Tamén aportará ás entidades unha maior flexibilidade para impartir a súa programación. A cualificación que se imparta a través destes apoios da Xunta será catalogada polo Servizo Público de Emprego, polo que terá un recoñecemento a nivel nacional. Darase, ademais, prioridade aos cursos con maior demanda ou maior inserción laboral e aqueles vinculados aos sectores prioritarios para a economía galega.
Esta iniciativa forma parte da Axenda 20 para o Emprego coa que o Goberno galego prevé ata 2020 a creación de polo menos 80.000 novos postos de traballo. Para iso, entre outros eidos, está investindo na mellora da cualificación dos galegos. A formación para ocupados, polo tanto, súmase a outros programas xa convocados este ano polo Goberno galego neste ámbito como son as axudas para a formación de persoas desempregadas, os obradoiros e programas integrados de emprego ou o plan Cualifica FP.