A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, supervisou hoxe o inicio das obras da variante de Aradas, que estará en servizo no verán de 2019.
Trátase dunha nova estrada, cun investimento de case 7 millóns de euros por parte da Xunta, que actuará de variante de toda a zona norte da cidade, comunicando este parque empresarial do Tambre coas estradas Santiago-Santa Comba e Santiago-Trazo.
A nova vía canalizará os tráficos procedentes de concellos próximos, Portomouro, Santa Comba, Val do Dubra, Carballo e Trazo, que veñan cara a esta zona industrial ou cara á rede de estradas situadas ao leste da cidade. Alíviase, deste xeito, o tráfico nas rúas compostelás, ao posibilitar que se retiren de Vite e de Vista Alegre preto de 4.000 vehículos que diariamente circulan por esta zona, a metade deles pesados.
O trazado, cunha lonxitude aproximada de 1,6 km, comeza cunha rotonda no cruce coas estradas de Santa Comba e de Trazo que estará iluminada e que contará con sendas peonís para facilitar os desprazamentos dos veciños da zona. Continuará en dirección oeste-leste, salvando o río Sarela coa construción dun viaduto de preto de 120 metros de lonxitude e alcanzará o polígono do Tambre á altura da intersección das vías Marconi e Nobel, onde está prevista a execución dunha segunda glorieta.
A infraestrutura está deseñada para favorecer os desprazamentos, desconxestionar o tráfico e diminuír os tempos de percorrido, supoñendo tamén un reforzo da seguridade viaria e a mellora das conexións nesta zona industrial.
A conselleira subliñou que a Xunta está a facer realidade unha infraestrutura que contribuirá ao desenvolvemento económico e social de Santiago e ao incremento da actividade e da competitividade deste pulmón industrial da cidade. Precisou que con esta variante o Goberno galego traballa para “facer cidade” en Compostela.