A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, sinalou hoxe que so sector lácteo concentra o 43% das axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, que este ano chega aos 24 millóns de euros. En concreto, no ámbito do leite, son 24 os proxectos seleccionados que suporán un investimento superior aos 34 millóns de euros en Galicia. Nestas iniciativas, as empresas contarán cunha achega de 10,25 millóns de euros de Medio Rural.
Ángeles Vázquez fixo balance destes datos durante a súa visita a unha das compañías beneficiarias deste ano, Leche Celta. Esta empresa levará a cabo melloras tecnolóxicas na industria situada en Pontedeume cun orzamento superior aos 7 millóns de euros. Para iso, contará cunha axuda da Xunta por valor do 35% (case 2,5 millóns de euros). O obxecto desta iniciativa é obter produtos lácteos con pasteurización a baixa temperatura que presentará con diferentes envases para acadar un bo posicionamento no mercado nacional en produtos frescos de leites líquidas.
A conselleira do Medio Rural, sinalou que é unha honra colaborar co sector lácteo galego a través de esta liña de axudas que, ademais, facilitan a revalorización do produto coa súa transformación. “Trátase de ser máis competitivos e para iso temos que ter non só o a mellor materia prima grazas aos nosos gandeiros, senón tamén unha industria forte”, sinalou a conselleira, que estivo acompañada durante a súa visita pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, así como polo delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.
En total, esta liña de axudas ascende a 24 millóns de euros e chega a 144 empresas de todos os ámbitos: carne, viño, horta, etc. Con estas achegas a Xunta continúa apoiando ao sector agroalimentario galego, xa que é un elemento máis para o desenvolvemento das zonas rurais. De feito, as instalacións de transformación e comercialización de produtos agrarios posibilitan a viabilidade das explotacións, dando valor engadido ás producións e facilitando o seu acceso aos mercados, fomentando ademais a creación e mantemento de postos de traballo no rural.
Leche Celta en Galicia
Leche Celta está entre os tres primeiros compradores de leite en Galicia por volume. Recolle a máis de 900 produtores galegos. Os centros de produción da nosa comunidade están situados en Pontedeume e Meira, pero tamén dispón de fábricas en Ávila (Castela e León) e San Miguel de Meruelo (Cantabria). Só na planta de Pontedeume conta cuns 165 traballadores.