A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio anuncia hoxe no Diario Oficial de Galicia a veda da pesca intensiva no couto da Ulloa ante a diminución das condicións hidrobiolóxicas necesarias para o mantemento das troitas. Esta medida adóptase de forma excepcional no tramo do Río Ulla comprendido entre a presa de Parteme e Ponte Pedriña, entre os concellos lucenses de Antas de Ulla e Monterroso.
A decisión por parte da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de establecer o peche anticipado da tempada de pesca neste couto, destinado á protección dos recursos piscícolas, vén motivada pola redución das condicións hidrobiolóxicas ocasionadas polo baixo caudal do río durante o período estival e, consecuentemente, á dificultade de conservar, na canle de mantemento do couto, aos exemplares empregados para a repoboación.
A perda en días pasados dun importante volume de troitas de diferentes idades nesa canle reduciu as posibilidades de facer fronte ás soltas intensivas que garanten o bo funcionamento do couto.
Estas razóns son as que levaron ao departamento autonómico a adoptar estas medidas de carácter excepcional, que se manterán ata a entrada en vigor da normativa de pesca fluvial correspondente á tempada 2018. Ata entón, a Consellería avaliará as medidas que permitan recuperar as densidades piscícolas e o funcionamento deste couto intensivo na tempada de 2018.