El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

NOS ÚLTIMOS 25 ANOS

O Programa galego de detección precoz do cancro de mama conseguiu reducir nun 20% a mortaldade

03-09-2017 16:03:26

O cancro de mama segue a ser o tumor feminino máis frecuente e a primeira causa de morte por cancro en mulleres da Unión Europea. Para abordar este problema, a Consellería de Sanidade puxo en marcha en 1992 o Programa galego de detección precoz do cancro de mama (PGDPCM) que acaba de cumprir 25 anos.

Grazas ao programa, a mortaldade por cancro de mama en mulleres galegas que participan nos cribados descendeu en máis dun 20% respecto do previsto sen cribado, tal e como demostra un estudo realizado cos datos desta enfermidade entre os anos 1980 e 2012. En grupos cribados cunha participación superior ao 50%, o risco de morrer por cancro de mama redúcese nun 29%. Ademais, estudouse a supervivencia das mulleres galegas entre 50-69 anos diagnosticadas de cancro de mama no período 1996-2009. As mulleres participantes presentaron mellor supervivencia relativa que as do mesmo grupo de idade diagnosticadas á marxe do programa (94’5% fronte ao 83’1% aos 5 anos de seguimento).

No período que vai de 1992 ao 2015, a taxa de detección de cancro foi de 3’6% por cada mil mulleres exploradas; e dicir, foron detectados 7.440 cancros en fase presintomática. Cómpre destacar que o 92’2% destes tumores tiñan un estadio tumoral baixo, e que un 62’4% non tiñan afectación ganglionar no momento do seu diagnóstico. A lectura das mamografías realízase por dous radiólogos de xeito independente nas unidades de avaliación radiolóxica. Esta dobre lectura aumenta a sensibilidade da proba e a detección dos tumores máis pequenos, os que miden menos dun centímetro.


Datos de participación

A taxa media de participación no PGDPCM nestes 25 anos foi dun 78’6%, amplamente superior aos estándares europeos de calidade, tanto no valor aceptable (70%) como no desexable (75%). En 2016, dita participación alcanzou un 83’1%, o valor máis alto dende a súa instauración. Este aumento asóciase á divulgación e promoción do programa e a adherencia das mulleres ao mesmo. A porcentaxe de participación é moito maior en mulleres que acoden en roldas sucesivas que nas invitadas por primeira vez (preto do dobre). Entre o ano 1992 e o 2016 realizáronse no marco do PGDPCM 2.240.622 mamografías, das que 528.321 corresponden a exploracións feitas a mulleres que acudían ao programa por primeira vez e 1.712.301 a mulleres que xa tiñan participado nos cribados con anterioridade.

En 2016 fixéronse, no marco desta iniciativa, 153.806 exploracións a mulleres entre 50 e 69 anos. Por provincias, na Coruña a taxa de participación foi do 83,56%; en Lugo, do 82,25%; en Ourense, do 82,13%; e en Pontevedra, do 82,4%. Polo tanto, nas catro provincias acadáronse os obxectivos de participación do programa.

Na gran maioría das exploracións o resultado da mamografía foi a ausencia de lesións sospeitosas, tan só un 2,41% das mulleres exploradas en 2016 foron remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento para complementar as probas realizadas e obter un diagnóstico definitivo.

O Programa galego de detección precoz do cancro de mama está dirixido a todas as mulleres residentes en Galicia, de 50 a 69 anos, sen síntomas e sen diagnóstico previo de cancro de mama. Ás mulleres obxectivo do programa envíaselles información sobre este por carta, antes da citación persoal para a realización da proba mamográfica. A citación é persoal e por carta. Envíase nos 10-15 días previos á cita e nela especifícanse o lugar, día e hora en que debe acudir para a realización da proba mamográfica, así coma un número de teléfono para solicitar cambio de cita se fose preciso. Se a muller non acode, envíaselle unha nova citación, tamén por carta. O cribado realízase cunha periodicidade de dous anos.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias