Cerceda.- A tendencia invístese. Mentres que no primeiro semestre do ano 2016, Sogama transportou por estrada 129.691 toneladas de residuos municipais, utilizando para isto unha rede de plantas de transferencia distribuídas estratexicamente polo conxunto do territorio galego, e moveu por tren 115.026, co actual contrato para o transporte combinado de residuos, en vigor desde marzo do pasado ano, a balanza inclínase a favor do ferrocarril, trasladando por este medio 157.707,3 toneladas, un 37,11% máis, e 126.739,8 por estrada.
Esta nova situación responde ao empeño da compañía por promover un medio de transporte máis sostible, cun menor impacto sobre a contorna ao xerar menos emisións de CO2, unha maior sincronización nos horarios e unha baixa sinistralidade, amén doutras vantaxes como son as menores molestias cidadás.
Dun 25% inicial, a empresa pasou a transportar por vía férrea preto do 45% dos residuos, sendo o seu obxectivo chegar ao 55% o próximo ano. O maior uso do tren foi posible grazas á incorporación da terminal de Lugo, que se une á de Ourense e á de Vigo.
Mentres que por estrada desprázase unha soa cabeza tractora cun contedor con capacidade para 20 toneladas (40-43 metros cúbicos), por ferrocarril poden trasladarse nunha soa viaxe máis de 30 contedores.
Maior aforro ambiental e nerxético
Neste escenario, a previsión é que, durante o próximo decenio, a Sociedade Galega do Medio Ambiente mova por tren 3.750.000 toneladas de lixo, aforrando a emisión de 2.230 toneladas de CO2 e preto de 800.000 litros de gasóleo cada ano.
Diminuír a súa pegada ecolóxica constitúe unha das prioridades da compañía, que non dubida en realizar cantos investimentos sexan necesarios para optimizar os seus procesos en aras dun maior reciclado e unha maior valorización dos residuos, pero tamén a favor dun transporte máis racional, con especial impacto nunha comunidade como a galega, caracterizada pola alta dispersión da poboación.
O benestar e a calidade de vida dos cidadáns constitúen o telón de fondo da política corporativa de Sogama, que vela en todo momento por mellorar o seu servizo público atendendo a todos os condicionantes do mesmo. Departamento de comunicación