El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA

Xunta e universidades suman esforzos para a implantación de Infraestrutura verde en Galicia

05-09-2017 13:14:39
Asinan convenio de colaboración.

A Xunta de Galicia e as universidades da Coruña e Santiago suman esforzos para a implantación da primeira Estratexia da Infraestrutura verde en Galicia mediante a sinatura dun convenio de colaboración que permitirá crear unha ferramenta “eficaz” en materia de biodiversidade, desenvolvemento sostible e adaptación ao cambio climático. Este acordo de cooperación foi referendado pola conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e os reitores de ambas dúas universidades, Julio Abalde e Juan Viaño, no transcurso dun acto celebrado hoxe na capital galega.

Deste xeito, Galicia sitúase, xunto con Cataluña, País Vasco, Andalucía e Valencia, á vangarda na integración dos aspectos relacionados coa Infraestrutura Verde e adiántase, polo tanto, a un futuro requirimento europeo e nacional. Así o explicou hoxe a titular do departamento autonómico, quen definiu o proxecto como unha ferramenta “eficaz” e capaz de xerar beneficios ecolóxicos, socioeconómicos, saúde e benestar social.

Neste senso, este convenio de colaboración permitirá, segundo explicou Beatriz Mato, “aproveitar o potencial investigador das universidades galegas a través de cinco grupos de investigación nos que traballarán conxuntamente a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e o Instituto de Estudos do Territorio”. Cinco grupos, engadiu a representante do Goberno galego, “de recoñecido prestixio” nos eidos da ecoloxía e biodiversidade, a planificación rural, a planificación urbana, as infraestruturas civís e o desenvolvemento socioeconómico. En definitiva, un traballo orientado á creación dunha rede interconectada de espazos verdes e outros elementos ambientais que conserven as funcións dos ecosistemas naturais.


Beneficios

Por iso, indicou Beatriz Mato, “consideramos que esta ferramenta traerá consigo beneficios ecolóxicos”, por canto axudará á conservación da biodiversidade, á adaptación ao cambio climático, á redución de riscos de desastres naturais, á regulación hídrica e á produción e seguridade alimentaria. Do mesmo xeito, favorecerá a provisión de espazos atractivos para o ocio e o turismo e reportará beneficios socioeconómicos dada a capacidade da infraestrutura verde para xerar emprego, incrementar o prezo das propiedades e reducir custes por danos. En definitiva, axudará a mellorar as condicións ambientais con “evidentes” beneficios que iso comporta para a saúde e o benestar social.


Rematada en 2018

En total, a Xunta de Galicia inviste 320.000 euros no deseño desta estratexia, que pivotará sobre estes cinco grupos de investigación con tarefas xa definidas, como a identificación e localización espacial dos elementos que forman parte desta infraestrutura, a posta en valor dos servizos ecosistémicos mediante unha relación de posibles esquemas de pagamento e modelo de negocio asociados a estes servizos, as directrices que marcarán a súa xestión, as estratexias para o seu desenvolvemento, isto é, criterios para a restauración ecolóxica, mellora da provisión de servizos ecosistémicos en espazos rurais e urbanos; e, por último, a activación dun proceso de participación cidadá.

Segundo as previsións do Goberno galego, o deseño desta estratexia rematará a finais do ano 2018 e, dixo Beatriz Mato, “suporá o reforzo da ecoloxía básica de Galicia grazas á definición dunha rede de zonas naturais e seminaturais deseñada e xestionada para protexer a biodiversidade e proporcionar servizos ecosistémicos”.


Composición dos grupos de traballo

En relación á composición dos grupos de investigación, a titular de Medio Ambiente indicou que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e o Instituto de Estudos do Territorio traballarán conxuntamente e por parte das universidades participarán, membros do Laboratorio de Biodiversidade, do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER); do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e do Laboratorio do Territorio do Grupo de Investigación Territorio e Biodiversidade, por parte da USC. No que respecta á Universidade da Coruña formarán parte investigadores do departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo e o Grupo de Investigación sobre Visualización Avanzada e Cartografía da Escola de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos.


Antecedentes

Algúns antecedentes da aplicación dos aspectos fundamentais da Infraestrutura Verde poden atoparse na creación de hortas ecolóxicas ou a aproveitamento de terreos co fin de reducir os risco de inundacións.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias