A Xunta informou hoxe aos representantes das Anpas e dos centros educativos sobre o dispositivo de posta en marcha da nova modalidade de transporte escolar de uso compartido. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantiveron hoxe un encontro con responsables de Confapa e de Anpas Galegas, así como con representantes da Inspección Educativa, e da Xunta autonómica de directores.
Esta nova modalidade funciona con éxito noutras comunidades autónomas desde hai varios anos e mesmo en Galicia a través do Tes+Bus. O Plan de transporte público prevé un conxunto de garantías e normas destinadas a garantir o correcto funcionamento desta modalidade de transporte compartido, que comezará a funcionar o vindeiro luns, co inicio do curso escolar.
Con este motivo, a Xunta trasladou ás Anpas información precisa sobre a posta en marcha deste sistema que, que se implantará nesta primeira fase tan só no 10% das rutas de transporte escolar, algo menos de 500 liñas nas que se despraza o 8% dos alumnos que empregan este servizo.
Os conselleiros explicaron que os escolares teñen blindada a atención as súas necesidades, xa que os contratos establecen o carácter absolutamente prioritario da atención ás necesidades dos alumnos. Así, os horarios, as paradas e os itinerarios se manteñen intactos, polo que o uso compartido do autobús non supón alteración algunha no servizo aos escolares.
Esta fórmula de transporte reforza a seguridade dos alumnos por riba das esixencias legais, posto que todas as rutas de transporte compartido disporán dun monitor acompañante, incrementándose esta figura nun 60%.
Os acompañantes e os condutores terán unha instrución precisa sobre como proceder en cada situación, con capacidade para impedir o acceso ao autobús de persoas que poidan representar un perigo para os menores. Ademais, a Xunta terá en conta os certificados de boa execución do transporte escolar por parte das empresas para a licitación de todo o transporte público de Galicia que terá lugar no ano 2019.
Neste encontro tamén se trasladou que a posta en marcha desta modalidade inclúe un plan especial de inspección no que participará a Garda Civil de Tráfico para garantir que as empresas realizan correctamente os servizos.
A Xunta subliñou a importancia da coordinación para blindar o funcionamento do novo sistema de transporte e convidou a Anpas e centros educativos a poñer en coñecemento da Administración autonómica calquera incidencia ou aspecto a mellorar coa fin de achegar unha solución coa máxima celeridade posible.
Esta reunión engádese ao proceso de diálogo no que se enmarca a posta en marcha do Plan de transporte público de Galicia, que contou coa participación dos Concellos e con xuntanzas coa Fegamp, coas Anpas, as empresas e os sindicatos, cos que o Goberno galego asinou un acordo laboral de referencia estatal.
O Tribunal administrativo central de recursos contractuais vén de emitir a resolución pola que desestima o recurso de varias empresas contra o Plan de transporte público de Galicia, ratificando así a decisión do pasado agosto, cando rexeitou a imposición das medidas cautelares solicitadas.