A Coruña.- Un total de 22 empresas da provincia da Coruña exporán e venderán os seus produtos artesanais esta fin de semana no Festival de La Luz grazas ao apoio da Deputación.
Un ano máis, a institución provincial contará cunha carpa no “Mercado de La Luz”, unha das zonas máis atractivas do recinto onde se celebra este evento musical, na que as empresas mostrarán ao público diferentes produtos e servizos, a maior parte deles de carácter artesanal, innovador e ecolóxico.
Ourives, oleiros, artesáns do vidro, a madeira ou do sector textil compartirán estes postos con empresas dedicadas á elaboración e comercialización de produtos gastronómicos artesanais ou ecolóxicos como mel, froitas e verduras, zumes, marmeladas ou doces. A Deputación reservará un stand propio para promocionar a provincia como destino turístico entre os asistentes ao festival, no que se repartirán arredor de 10.000 folletos informativos sobre os xeodestinos coruñeses e se proxectará un vídeo no que dan a coñecer algúns dos principais enclaves naturais, patromoniais e históricos baixo o lema “A Coruña: Temos moito que ver”.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que “ademáis de terse consolidado como un evento cultural e solidario de referencia, o Festival de La Luz é un excelente escaparate para mostrar o enorme potencial do rural coruñés no ámbito da artesanía, a sustentabilidade a creatividade e a innovación”.
Formoso, que o domingo asistirá ao festival, destacou a excelente acollida que tiveron os produtos coruñeses no mercado do ano pasado e desexou que este ano o éxito se vexa incrementado.
Entre as empresas e entidades que participarán no Mercado de La Luz da man da Deputación figuran as redeiras Illa da Estrela de Ponteceso, que realizan produtos decorativos a partir de aparellos de pesca reciclados, a Asociación Cabanas Rural, a gastronomía artesá de A Castrexa (Cambre), a olería Lista de Buño (Malpica), a marca de roupa ecolóxica para nenos Sol de Inverno (Miño) ou A Pementeira de Padrón, entre outras.
Este será o terceiro ano consecutivo que a Deputación da Coruña apoia a celebración do festival, que cada mes de setembro reúne en Boimorto a milleiros de persoas de todas as idades para escoitar música de diversas bandas e artistas de renome do panorama nacional e internacional.
Durante esta fin de semana, máis de corenta grupos musicais actuarán no festival, cuxa recadación doarase a Oncomet para avanzar na investigación da biopsia líquida. Departamento de comunicación