No que vai de ano subscribíronse en Galicia un total de 42.340 pólizas de seguros agrarios, cun capital asegurado de case 450 millóns de euros. Esta última cifra supón un incremento do 10% respecto aos 408 millóns de euros do mesmo período de 2016.
Os datos foron avaliados nunha xuntanza de traballo pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o director territorial Noroeste de Agroseguro, Ramón Martín. Nesta reunión ambos analizaron tamén a evolución da campaña de seguros para compensar os danos causados polas xeadas e o pedrazo no sector do viño.
Con respecto ás xeadas, unha vez realizadas as correspondentes peritaxes, concretouse a existencia dun dano medio do 84% nun total de 386 hectáreas de cultivo en catro das cinco denominacións de orixe de Galicia (todas, agás Rías Baixas). Segundo estes mesmos resultados, a principal afectación deuse na zona de Valdeorras, con arredor de 151 hectáreas, seguida de Monterrei, cunhas 105 ha, Ribeiro, con 28 ha, e Ribeira Sacra, con 64 ha.
No que atinxe aos danos por pedrazo, estanse rematando as peritaxes correspondentes das 100 hectáreas comunicadas polos propios damnificados. A avaliación ten en conta que nalgunhas zonas solápanse os danos por ambos fenómenos adversos. O pagamento farase efectivo de xeito conxunto, para cubrir os danos tanto das xeadas como da sarabia.
Neste encontro de traballo avanzouse tamén na planificación do vindeiro ano en canto aos seguros agrarios. Entre outras medidas a adoptar, levarase a cabo unha campaña de fomento da contratación en colaboración cos consellos reguladores que será tratado no mes de outubro no seo do grupo de traballo creado para esta finalidade. Neste foro definirase o calendario das diferentes actuacións. Ademais, teranse en conta as peticións doutros subsectores produtivos, caso dos cereais (especialmente o millo), a pataca ou o vacún de carne, para adaptar as coberturas ás súas características especiais.