Boimorto.- O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou en Boimorto o Festival de La Luz, onde 22 empresas coruñesas exhiben e venden os seu produtos artesáns durante esta fin de semana grazas ao apoio da institución provincial.
Formoso, acompañado da artista Luz Casal e do director do festival, Farruco Castromán, visitou o Mercado de La Luz, onde as empresas mostran ao numeroso público asistente ao evento diferentes produtos e servizos, a maior parte deles de carácter artesanal, innovador e ecolóxico.
“O Festival de La Luz exhibe o gran potencial do rural coruñés”, afirmou o presidente provincial, que destacou a “excelente acollida” que tiveron, un ano máis, os produtos coruñeses, e agradeceu a colaboración dos organizadores do festival para facer posible esta iniciativa.
Ourives, oleiros, artesáns do vidro, a madeira ou do sector textil comparten estes postos con empresas dedicadas á elaboración e comercialización de produtos gastronómicos artesanais ou ecolóxicos como mel, froitas e verduras, zumes, marmeladas ou doces. Departamento de comunicación