A Deputación da Coruña aprobou no pleno desenvolvido hoxe dúas iniciativas encamiñadas á devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público. Unha contou cos votos a favor do PSdG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños e opta polo impulso da Xunta Pro-Devolución do Pazo de Meirás, razón que levou á abstención ao PP.
A Deputación da Coruña participará na Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás para o patrimonio público xunto con institucións, asociacións ou organizacións como se considera na moción aprobada no pleno deste venres cos votos a favor de PSOE, BNG, Marea Atlántica, Alternativa dos Veciños e Compostela Aberta.
A iniciativa inclúe o rexeitamento da Deputación da Coruña da xestión por parte da Fundación Francisco Franco do programa de visitas ao Pazo de Meirás ao tempo que apoia a demanda do Concello de Sada para que se xestionen desde a administración local. Incorpora así mesmo a necesidade de instar aos grupos parlamentarios das Cortes Xerais e da Cámara galega a impulsar novidades lexislativas que impidan legalmente a apoloxía do franquismo e permitan a devolución do Pazo ao patrimonio público. Dunha parte, diríxese ás Cortes Xerais para a modificación da Lei de Fundacións co obxecto de impedir a legalidade de entidades que fagan apoloxía do franquismo e, doutra, á Cámara galega para iniciar os trámites para a elaboración dunha Lei Galega da Memoria.
A participación na Xunta pro devolución do Pazo de Meirás e as modificacións lexislativas son os puntos que o PP esgrimiu para se abster na votación da moción e defender a súa propia en que insta á Xunta de Galicia a realizar un estudo xurídico das posibilidades de devolución e trasladar a condena á Fundación Franco polas súas declaracións.
A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, cualificou a situación actual de “escándalo auténtico” e defendeu a necesidade de implicación da institución no proceso de devolución pola necesidade de “reparar o daño, xa que a Deputación foi parte esencial no expolio”. Desta maneira, lembrou que a propia Fundación Francisco Franco agradeceu á Deputación a súa “xenerosidade e intelixencia” por ter contribuído de forma decisiva despois do levantamento militar ao expolio que puxo en mans de Franco o Pazo de Meirás.
“Temos a obriga ética e política de facer xustiza histórica con tantísimas vítimas e familias que están a sufrir todo o acontecido”, sinalou Goretti Sanmartín ao defender como “institución directamente implicada” o compromiso da Deputación da Coruña co proceso de devolución do Pazo de Meirás “e doutros bens patrimoniais como a Casa de Cornide”. Desta maneira, a Deputación impulsou xa a primeira xuntanza encamiñada á impulsar a Xunta pro Devolución do Pazo, pois as “institucións non poden ser tépedas e por iso defendemos tamén as modificacións lexislativas necesarias para rematar con esta situación escandalosa”.
O deputado de Compostela Aberta, Manuel Dios, lamentou que o PP non apoiase a declaración conxunta e denunciou que “a súa proposta de instar a que a Xunta realice estudos xurídicos carece de credibilidade” ao tempo que reclamou que se sumase a entidades “institucionais e sociais que queren actuar para lograr a titularidade de Meirás e que xa lle levan a dianteira”. Pola súa parte, o deputado Angel García Seoane, de Alternativa polos Veciños, posiciounose a favor da expropiación do Pazo como única vía e criticou que o presidente da Xunta “dixese que é unha opción antidemocrática”. Por parte de Marea Atlántica, a deputada Rocío Fraga apostou pola implicación da Deputación no proceso de devolución do Pazo “ xa que a historia a situou aí” e criticou que a moción do PP por “carecer de político porque nunca se quere posicionar nin rexeitar o franquismo”.
“Non imos admitir que se nos identifique co franquismo, estamos en contra do réxime ditatorial pero defendemos o cumprimento da lei e non estamos a favor de asaltar propiedades”, dixo o portavoz do PP, Agustín Hernández que defendeu a súa moción e a abstención á asinada polo resto das organización políticas co representación no pleno por dúas razóns pola integración da Deputación na Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás e por ver innecesario recorrer a cambios lexislativos. “Non imos aprobar a Xunta Pro Devolución porque non fomos a ela e non estamos de acordo coa petición dunha Lei da Memoria Histórica de Galicia”, indicou na súa intervención.
Goretti Sanmartín pechou o quenda de intervencións convidando a se integrar a institucións, organizacións e entidades na Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás para “remar na mesma dirección” e criticou que o PP fixese a acusación de que o deixasen fóra cando, segundo dixo “o que está buscando é ficar fóra do acordo”. Avogou finalmente por “mudar esta realidade esperpéntica e escandalosa, tamén a nivel internacional, traballando conxuntamente desde a Xunta pro Devolución, para conseguir que o Pazo de Meirás sexa patrimonio público”. Departamento de comunicación