O Partido Popular de Galicia ven de publicar o vídeo da
conversa mantida entre o presidente do partido, Núñez Feijóo, e o
presidente de honra, Xerardo Fernández Albor.
Con motivo do centenario de Albor, Feijóo fíxolle unha
visita na súa casa das aforas de Santiago de Compostela. Na súa conversa
distendida e amistosa houbo tempo para abordar as lembranzas da vida política
de Albor, asuntos de actualidade e mesmo para falar das expectativas coas que
Feijóo afronta as vindeiras eleccións municipais.
Albor, quen afirmou que “a política mereceu a pena”,
repasou con Feijóo o seu paso á política activa, a moción de censura que
rematou co seu mandato ou o pouco coñecido episodio no que Jordi Pujol o citou
en Barcelona para negociar a súa incorporación a Alianza Popular.
Apuntou ademais que o que lembra con máis cariño da súa
etapa como primeiro presidente da Xunta é a creación da Televisión de Galicia.
“É a mellor, e ademais nunca din que a fixen eu, son outros os que queren
apuntar o tanto”.
Do mesmo xeito afirmou estar moi orgulloso da súa
participación no proceso de reunificación de Alemaña como eurodeputado, unha
época na que, segundo dixo, “xogueime a vida e sen sabelo, pois negociaba co que
fora xefe da Stasi”.
No tocante ás vindeiras eleccións municipais foi Feijóo
quen recoñeceu que no partido “estamos moi ilusionados” porque “aínda que hai
moito traballo que facer” tamén “hai posibilidades de recuperar as deputacións
e moitas cidades”.
Segundo aseverou Feijóo “se somos quen de acadar o mesmo
nivel de voto que nas pasadas autonómicas teríamos maioría absoluta nas catro
deputacións, en Santiago, Lugo, Ferrol e Ourense” aínda que recoñeceu que non é
unha tarefa fácil, pois “cada día empeza con cero votos”.
En palabras de Feijóo Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo,
Vigo e Pontevedra carecen de proxectos, polo que o obxectivo é lograr que a
xente “volva coller a papeleta do PP” como xa fixo nas pasadas autonómicas.
Ao parecer de Albor, as Mareas de Podemos representan
“unha marea”
polo que incidiu na importancia de que a xente sexa
consciente do que
representa o comunismo.
Ilusionado coma sempre co proxecto popular e dando unha
vez máis mostra da súa vocación de servizo, Albor puxo a súa axenda a
disposición de Feijóo ofrecéndose a acompañalo aos seus mitins “sempre que
poida”.
Por último Albor afirmou que “que te queira todo o mundo
é unha sorte, incluso os de esquerdas”, algo que sucede, segundo dixo Feijóo,
porque “ti xa es patrimonio dos galegos, de todos os galegos”. Ver vídeo