El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

PARA A GARDA E DEFENSA

Medio Ambiente convoca as probas para a obtención do certificado de adestrador de cans

18-09-2017 14:11:35

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras para a realización das probas dirixidas á obtención do certificado de capacitación para o adestramento de cans para garda e defensa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os exames consistirán na realización dun exercicio teórico escrito e dun exame práctico con cans sendo preciso ter superado o exame teórico para poder acceder á realización deste último. No caso da proba teórica, consistirá no desenvolvemento, por escrito, de dous exercicios, que versarán sobre as materias do programa descrito no anexo II desta convocatoria. Para a súa execución as persoas aspirantes disporán de 120 minutos e non poderán consultar textos normativos nin calquera outro de apoio. O primeiro dos exercicios consistirá en responder a 40 preguntas tipo test con catro respostas alternativas, das que só unha é correcta. O segundo exercicio consistirá en realizar estudos ou supostos e poderán responderse mediante unha explicación escrita ou mediante a selección da resposta correcta entre varias indicadas polo tribunal cualificador.

No caso do exame práctico, este consistirá na simulación de exercicios de obediencia e modificación de conduta con cans, onde a persoa aspirante deberá defender oralmente as técnicas utilizadas e responderá ás preguntas realizadas polo tribunal cualificador.

As persoas que desexen obter este certificado dispoñen dun prazo de 20 días naturais (contados a partir do día seguinte á publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia) para a presentación das solicitudes, que se presentarán preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (co código MT420B).

A data da realización das probas, así como os horarios, serán acordados polo tribunal cualificador e publicados no Diario Oficial de Galicia, cunha antelación mínima de quince días naturais á data elixida.

O Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos e de Adestradores Caninos, determina que o adestramento de cans para garda e defensa deberá efectuarse por adestradores que estean en posesión dun certificado de capacitación expedido ou homologado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

A Orde do 16 de outubro de 2002 (publicada o 24 de outubro de 2002 no Diario Oficial de Galicia) determina os títulos que habilitan para a expedición directa deste certificado de capacitación para o adestramento, no ámbito da nosa Comunidade Autónoma. Así, a citada Orde establece no seu anexo os títulos que se estiman suficientes para a expedición directa deste certificado , en consideración a que presupoñen a superación de probas ou son expedidos por organismos públicos ou institucións de recoñecida solvencia na materia, establecéndose o procedemento para a obtención directa desta certificación.

No resto dos casos, e de conformidade co disposto no Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, as persoas solicitantes deberán someterse a unha proba que será avaliada por unha comisión nomeada, para os efectos, pola persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. A proba versará sobre os contidos do programa que figura no anexo VII do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, e terá por obxecto comprobar os coñecementos teóricos e prácticos das persoas solicitantes. A superación destas probas constitúe un requisito previo e indispensable para a expedición do certificado de capacitación para o adestramento para garda e defensa. A última convocatoria na Comunidade galega para a obtención destes certificados foi no ano 2011.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias