El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

A Xunta debate no Parlamento Europeo as medidas para combater o cambio demográfico

27-09-2017 19:58:28
A Xunta, no Parlamento Europeo.

Bruxelas.- O Parlamento Europeo organizou hoxe unha conferencia en Bruxelas para discutir a necesidade de que a demografía sexa incluída como un criterio da futura política de cohesión. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, participou como moderador deste evento, en tanto que representante dunha comunidade comprometida con este problema e membro do Comité Europeo das Rexións.

O acto do Parlamento Europeo constou de dúas partes. A primeira consistiu nun intercambio de iniciativas entre rexións europeas afectadas polos desafíos demográficos. Nela, representantes de Castela e León, a rexión alemá de Saxonia-Anhalt e a rexión polaca de Opole expuxeron as medidas contra o despoboamento que se están a desenvolver nos seus territorios. Na segunda parte do evento, membros da Comisión, eurodeputados e académicos debateron sobre a política de cohesión post-2020, así como o papel que esta debe desempeñar para loita contra o cambio demográfico.


Posición das rexións europeas ante o cambio demográfico

O cambio demográfico constitúe un importante desafío aos que se enfronta a Unión Europea. Por iso, o órgano que representa ás rexións europeas, o Comité Europeo das Rexións (CdR), recoñece en diversos documentos que as taxas de natalidade e a diminución da poboación nova en toda Europa constitúen serias ameazas. A diminución substancial dos nacementos e un aumento xeral da esperanza de vida fan que se poidan esperar importantes modificacións da estrutura por idades da poboación europea. Esta situación fai que sexa imprescindible investir, en todos os niveis de goberno, no futuro do capital humano europeo para facer fronte ás consecuencias prexudiciais dos desafíos demográficos para as próximas décadas.

O CdR pide, así, á Unión Europea que responda de forma ampla, coordinada e integrada ás preocupacións demográficas e, por tanto, demanda unha estratexia europea para satisfacer as necesidades das familias, abarcando os principais ámbitos políticos da UE como cohesión, innovación, saúde, emprego, desenvolvemento rural, medio ambiente e migración. Neste contexto, enmárcase o ditame sobre política de cohesión que aprobou o Comité o pasado mes de maio, contando co alemán Michael Schneider -tamén participante na conferencia de hoxe no Parlamento Europeo- como relator. Este texto sinala a importancia de que a demografía constitúa un criterio fundamental na repartición económica dos fondos da política de cohesión despois de 2020.


Compromiso de Galicia en Europa 

Galicia é unha rexión especialmente afectada polo envellecemento e o despoboamento que supón o cambio demográfico. Por iso, ademais das medidas directas como o Programa de apoio á natalidade (PAN), a Xunta de Galicia defende en Bruxelas que a demografía sexa tida en conta como un elemento salientable no futuro de Europa. A nosa comunidade intervén activamente en diferentes redes e foros a nivel nacional e europeo, como a Macrorrexión de Rexións do Suroeste Europeo (RESOE) e a Rede Europea de Rexións afectadas polo Cambio Demográfico (DCRN).

Neste contexto enmárcase tamén o seminario organizado hai un ano sobre este tema polo Servizo de Investigación do Parlamento Europeo e a Fundación Galicia Europa, no que participou o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, así como a conferencia de hoxe na que Galicia interveu como moderadora. A nosa comunidade, a través do seu representante europeo Jesús Gamallo, tenta tamén que a cuestión demográfica se inclúa na maior cantidade de ditames posibles do CdR tamén que a cuestión demográfica sexa tida en conta na elaboración de todos os documentos de opinión do CdR.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias