El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA

Ángeles Vázquez destaca os bos resultados das colleitas de pataca e castaña

27-09-2017 20:08:47
Ángeles Vázquez, no Parlamento.

 A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe os bos resultados que está a ter a colleita de pataca deste ano, tanto en calidade como en cantidade. Salientou ademais o seu “excelente estado no aspecto fitosanitario”, xa que non houbo pragas nin enfermidades. Nunha resposta a unha interpelación parlamentaria, a conselleira sinalou tamén que a previsión de colleita de castaña na nosa comunidade é tamén moi optimista, tanto en volume de produto como pola súa calidade.

En canto á vendima, a conselleira subliñou a excelente calidade da uva recollida ata o de agora e advertiu que haberá que agardar ao seu remate para avaliar a súa cantidade, xa que a situación non é a mesma nas diferentes denominacións de orixe e zonas de produción de viño na nosa comunidade. En todo caso, o resultado provisional nada ten que ver coas previsións catastróficas das que falaban algunhas voces e así o incremento da colleita no conxunto das denominacións de orixe galegas rolda o 2,7%, sen que aínda remataran os traballos, remarcou.

Nesta comparecencia a titular de Medio Rural debullou as diferentes medidas impulsadas pola Xunta e o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente para apoiar os agricultores afectados polos danos da seca, as xeadas e o pedrazo. Así, indicou que ela mesma estivo en todo momento en contacto cos colectivos afectados, representados principalmente polos diferentes consellos reguladores, e que os técnicos da consellería realizaron as avaliacións oportunas sobre o terreo. Ademais, no caso concreto do viñedo, tan pronto se produciron as xeadas no pasado mes de abril, a consellería comprometeu axuda técnica aos viticultores para minimizar os danos, mediante técnicas de repoda e outras actuacións nos cultivos.

Neste contexto, a conselleira incidiu especialmente na recente aprobación polo Consello da Xunta de diferentes liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións produtoras e transformadoras de uva e de castañas afectadas polas xeadas e sarabias, así como para os produtores de pataca, cereal, horta e froiteiras damnificados, nunha convocatoria dotada inicialmente con 1,5 millóns de euros.

Outras medidas foron a convocatoria da Comisión Territorial de Seguros Agrarios, para estudar a situación das liñas de seguros de uva para vinificación, ou o feito de darlle prioridade aos viñedos localizados en zonas afectadas polas xeadas na orde de axudas de reconversión e reestruturación de viñedo.

A consellería tamén estivo presente no grupo de traballo de adversidades climáticas do devandito Ministerio de Agricultura no que se decidiu a convocatoria de axudas de liquidez por medio da subvención dos avais a explotacións que tiveron danos climáticos, tanto as que tiveran un seguro contratado como as que non. E, por outra banda, as valoracións realizadas nas distintas denominacións servirán para que a finais de ano se poida facer unha proposta ao Ministerio de Facenda para aplicar unha diminución dos módulos do IRPF naquelas zonas máis afectadas.

Por todo isto, a conselleira defendeu que a Xunta está a desenvolver un traballo “serio, rigoroso e constante” para facerlle fronte aos danos causados no agro polos fenómenos meteorolóxicos adversos. O Goberno galego está do lado dos agricultores, actuando dende o primeiro momento para apoialos na medida das posibilidades legais e no ámbito das súas competencias, engadiu. Ao tempo, pediu responsabilidade, rigor e prudencia a todos os axentes do sector, especialmente a quen reclaman o imposible, como son as axudas directas ou a declaración de zona catastrófica.


Política forestal

En resposta a outra pregunta, a conselleira do Medio Rural defendeu a política forestal da Xunta e explicou as limitacións actuais ao cultivo de eucalipto en Galicia que, dixo, están contempladas na normativa vixente e nomeadamente na lei de montes. Para facer fronte a posibles incumprimentos da lexislación, engadiu, a Consellería do Medio Rural realizou entre 2012 e decembro de 2016 un total de 1.600 notificacións, por motivos como a plantación en terreo de protección agropecuaria, corta sen autorización ou plantación de eucaliptos onde había frondosas. No ano 2017 fixéronse 995 apercibimentos e tramitáronse 229 expedientes e na actualidade estanse a tramitar outras 3.000 notificacións por posibles infraccións relacionada coa lei de incendios e a lei de montes.

Ángeles Vázquez lembrou ademais que a Xunta está a traballar na revisión do Plan Forestal de Galicia, que será o instrumento básico para o deseño e execución da política forestal galega, e que as directrices que rexen o proceso foron aprobadas no grupo de traballo que se encarga de avanzar neste plan no que están representados propietarios forestais, empresas, colexios profesionais, grupos ecoloxistas, sindicatos e universidades. Por iso garantiu que a xestión do monte en Galicia seguirá levándose a cabo “de forma responsable, racional e sustentable, co consenso e as achegas do sector”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias