O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou hoxe que o DEA
estará centrado nas mellora da economía e dos servizos sociais de Galicia.
“Sabemos que este Debate do Estado da Autonomía volverá poñer enriba da mesa
novas medidas e propostas encamiñadas a mellorar a vida dos nosos veciños”,
subliñou.
Segundo sinalou, no ADN do Partido Popular de Galicia está a aposta polo
crecemento da nosa economía e dos nosos sectores produtivos, por aliviar a
carga fiscal sempre que a situación económica o permita –cómpre lembrar a
redución do tramo autonómico do IRPF, o programa de impostos cero no rural ou
a exención do Imposto de Sucesións para o 99% dos galegos- e por mellorar os
nosos servizos públicos, “cun redoble de esforzos nos últimos anos para
mellorar a nosa política social”.
“Cremos que eses son hoxe os asuntos cruciais
en Galicia, e estamos convencidos que serán algún dos fíos condutores que
propoñerá o PPdeG no Debate que arranca o mércores”, engadiu.
Como
indicou, o PPdeG volverá exhibir que é un partido que é garantía de
estabilidade e de rigor na xestión, cunha maioría absoluta que un ano despois
das eleccións autonómicas estarían en condicións de revalidar, porque “temos un
líder contrastado e recoñecido dentro e fora da nosa Comunidade, un goberno
estable cunha maioría parlamentaria que o apoia e un partido unido que inviste
todas as súas forzas en intentar solucionar os problemas dos galegos”.
Así mesmo, apuntou que neste Debate volveremos a confrontar as dúas
realidades políticas da nosa comunidade: “Dunha parte, que temos un goberno que
non só ten unha folla de servizos que presentar aos galegos, senón que tamén
pode ofrecerlles un proxecto de futuro. E da outra, que temos unha oposición
que non ten proxecto e non ten futuro”.
Oposición sen proxecto nin futuro
Nese senso, o números dous dos populares galegos lembrou que nos últimos
doce meses "na esquerda galega só houbo confrontación interna e ausencia
de ideas" e destacou que o que puidemos ver durante as últimas semanas foi
un BNG “que non ten máis proxecto ca copiar paso a paso a folla de ruta do
independentismo catalán”, non tendo “máis futuro có de seguir batendo os
récords dos seus peores resultados da historia”; un PSdeG que “non ten máis
proxecto que o do no es no, a loita interna e a acusación de xogo sucio entre
candidatos”, e sen “máis futuro có de seguir dividido durante anos”; e unhas
Mareas de Podemos sen “máis proxecto có insulto e a descalificación”.
Tellado lamentou que, despois de tantos anos e de tantas derrotas
electorais, unha parte da esquerda radical de Galicia non teña nada máis que
ofrecerlle á sociedade galega ca unha especie de "beirismo sen
Beiras". “O señor Luis Villares chegou á política vendéndonos un perfil de
xuíz, finxidamente moderado para intentar captar máis votantes”, remarcou para
recoñecer que “o que finalmente obtivemos é un líder mediocre que para poder
conservar a súa posición ten que intentar imitar ao seu antecesor”. “Villares
quixo ser Beiras, pero resultou parecerse máis a unha versión cativa de Gabriel
Rufián”, concluíu. Departamento de comunicación