El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A Xunta celebra o Día do Maior

01-10-2017 12:44:29

A Coruña.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou con motivo do Día do Maior declarado por Nacións Unidas, a residencia Torrente da Coruña que este ano celebra o seu 24 aniversario. O obxectivo da celebración desta efeméride é concienciar á poboación da importancia da inclusión das persoas maiores na sociedade, desafiando estereotipos. “Nun día como hoxe e durante todo o ano reivindicamos a presenza dos maiores en todos os ámbitos da sociedade”, declarou Rey Varela. “Por elo, traballamos en prol de políticas e programas que permitan aos maiores galegos vivir nun entorno que mellore as súas capacidades, que manteña a súa independencia o máximo tempo posible e que lles proporcione unha atención adecuada a medida que cumpren anos”, engadiu o conselleiro.

Durante a súa visita, Rey Varela reiterou o compromiso da Xunta coas persoas maiores, en especial con aquelas que son dependentes. Ao respecto, apuntou o esforzo que está a facer o Goberno galego por mellorar o sistema de atención á dependencia e beneficiar a un maior número de usuarios. De feito, a cifra de persoas dependentes atendidas nos últimos anos pasou de 15.000 en 2009 a máis de 50.000 na actualidade.

Nesta liña, o conselleiro informou de que a rede autonómica de centros de día e residencias dispón hoxe en día de preto de 15.000 prazas sostidas con fondos públicos. Así mesmo, referiuse ao reforzamento da atención profesional no entorno familiar co incremento en 1,2 millóns das horas habilitadas e a disposición dos concellos de toda Galicia no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o que suporá que o número de beneficiarios superará os 20.000.

Cómpre destacar que a Xunta vén de aprobar este ano o plan Como na casa a través do cal se construirán sete novas residencias públicas, unha en cada gran cidade galega, para atender a maiores en situación de dependencia. Isto suporá que se ofrecerá atención residencial a 900 persoas e se crearán arredor de 500 empregos.

A residencia de maiores Torrente Ballester da Coruña, titularidade da Xunta de Galicia, celebrará o vindeiro 5 de outubro o seu 24º aniversario. Trátase dun centro con capacidade para ofrecer atención continuada e integra a 96 residentes, dos que 32 ocupan praza na tipoloxía de persoas con dependencia e 64 son persoas maiores con autonomía. Nestas instalacións, os usuarios teñen atención médica e de enfermaría, fisioterapia, terapia ocupacional, traballo social, hostalaría e actividades de lecer.

A residencia comparte espazo e determinadas actividades co seu centro socio-comunitario, no que actualmente hai inscritos 1803 socios. Nel desenvólvense programas de actividades de xestión propia (hidroximnasia, ximnasia de mantemento e obradoiros de manualidades entre outros) e actividades promovidas pola Consellería de Política Social (pilates, talleres de memoria, informática, pintura, etc).

O conselleiro quixo agradecer o labor diario que realizan os 74 traballadores da residencia e de todas as persoas implicadas con estas instalacións e sobre todo, cos seus usuarios. “Sodes unha peza fundamental para que Galicia sexa o mellor lugar para ser maior e sen vós, o noso traballo sería moito máis complicado”, concluíu. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias