O candidato á secretaría xeral do PSdeG Juan Díaz Villoslada
reuniuse hoxe na sede nacional do PSdeG coas Xuventudes Socialistas, ás que lles
solicita apoio nun traballo común para “abrir o partido á xente moza” se é elixido
o día 8, “impulsando mecanismos para ampliar a base do socialismo en Galicia e
para atraer xente nova que garanta o relevo xeracional e mova a novos e novas
posibles votantes”. Villoslada traslada que este é un dos eixos fundamentais da
súa candidatura, e está incluído nos 12 compromisos prioritarios que asumiu
nesta campaña.
Viloslada quere “un partido valente, ambicioso e non
conformista” con “posicións claras e lonxe de ambigüidades” nos temas que lle
preocupan á mocidade, “no que os mozos e mozas do noso país se vexan
reflectidos e queiran participar e ofrecer a súa visión”. Ademais, trasládalles
ás Xuventudes a súa preocupación por “un dos sectores maís maltratados e
prexudicados polas políticas de recortes desenvolvidas pola dereita”.
Ademais de escoitar as ideas e procupacións da organización
xuvenil, Villoslada expuxo a súa intención de impulsar un programa de retorno
do talento do mozos e mozas que tiveron que marchar, facilitando que
universidades e empresas poidan contratar a investigadores e traballadores de
alta cualificación, moi ligados a actividades da economía do coñecemento, para
que poidan desenvolver as súas actividades en Galicia, e “que reteña o talento
na comunidade”.
Tamén trasladou a proposta de elaborar un plan de choque polo
emprego xuvenil “coa fin de fomentar empregos e salarios dignos”, e a
necesidade de establecer unha nova Estratexia polo Emprego Novo, avaliando e
corrixindo os fracasos do anterior plan para que o Goberno facilite unha mellor
coordinación e planificación cos interlocutores sociais. Departamento de comunicación | EP